Tres detidos polo asasinato duha muller nunha vila de Huesca, entre eles, o seu marido
Investígase como un caso de violencia machista
A vítima estaba desaparecida desde mediados de xaneiro
A Garda Civil detivo tres persoas que prestan declaración como investigados no Xulgado número 2 de Barbastro en relación co asasinato dunha muller cuxo cadáver se atopou nun barranco de Colungo (Huesca) o 18 de xaneiro, nun caso que transcendeu este luns.
O Tribunal Superior de Xustiza de Aragón indicou que dous arrestos se practicaron o pasado venres en Barbastro, e que un deles é o marido da vítima, e que por iso se investiga se se trata dun caso de violencia machista.
Os tres arrestados foron postos a disposición da titular de Xulgado numero 2 de Barbastro, onde tamén prestan declaración outras tres testemuñas.
A investigación das persoas detidas "é por delito de asasinato no marco dun delito por violencia de xénero, onde o autor material sería un deles", concretan desde a Garda Civil.
Desaparecida desde o 17 de xaneiro
A muller, segundo o instituto armado, estaba desaparecida desde o 17 de xaneiro pasado e o seu cadáver foi atopado pouco despois no barranco das Palomeras, xunto a Colunga, en Huesca.
A escena do crime, informou a Garda Civil, aparentaba ser un suicidio, polo que o caso non transcendeu, pero a investigación determinou que había indicios de homicidio doloso e coas probas se puideron efectuar as detencións.
No caso de que a titular do xulgado número 2 de Barbastro determine que se trata dun caso de violencia machista, explican desde o TSXA, deberá inhibirse a favor do 1, que é o que leva estes casos.
De confirmarse o crime machista, serían 13 as mulleres asasinadas este ano
De confirmarse este caso como un asasinato machista, serían 13 mulleres as vítimas mortais da violencia de xénero no que vai de ano, 1.356 desde 2003.
As vítimas da violencia machista e a súa contorna poden pedir axuda en distintos recursos activos todos os días da semana e as 24 horas do día: o teléfono 016.