O MV Hondius partiu xa de Cabo Verde e chegará ás Canarias o sábado para evacuar os pasaxeiros
Un ornitólogo de Cariño, a bordo do cruceiro co gromo de hantavirus
Un dos sospeitosos de contaxio foi xa evacuado a Países Baixos e o avión que trasladaba outros dous tivo que facer escala en Canarias, ante a negativa de Marrocos, para reparar a burbulla de illamento
O Cabido de Tenerife non quere que o barco con hantavirus atraque na illa
O Goberno confirmou que o barco MV Hondius saiu xa de Cabo Verde e arribará no prazo de tres días ás Canarias no porto secundario de Granadilla, a dez minutos do aeroporto sur de Tenerife. Os 14 españois a bordo serán trasladados en avión militar para ser examinados no Hospital Militar Gómez Ulla de Madrid, xa o vindeiro luns.
O Goberno asegurou que a situación está "controlada" e que os 14 españois serán trasladados ata a base militar de Torrexón e de aí ao Hospital Militar Gómez Ulla de Madrid, "onde permanecerán atendidos e examinados" durante o tempo que sexa necesario.
Precisamente este centro madrileño conta con unidades de illamento de alto nivel, onde se prevé que os pasaxeiros españois garden corentena.
Un dos evacuados viaxou aos Países Baixos; o avión que trasladaba outros dous posibles contaxiados fixo escala en Canarias ante a negativa de Marrocos
Tres persoas que presentaron síntomas de hantavirus e que se consideran casos sospeitosos foron evacuados do cruceiro para ser trasladados a Países Baixos para que sexan tratados, anunciou este mércores a Organización Mundial da Saúde (OMS). Partiron en avión desde o aeroporto Nelson Mandela de Praia, onde chegaron en dúas ambulancias.
Un deles viaxou con normalidade. O avión que trasladaba os outros dous tivo que facer escala en Canarias, ante a negativa de Marrocos, para reparar a burbulla de illamento, que sufriu un problema. Inicialmente estaba previsto que fixese parada en Marrakech no seu camiño a Amsterdam, pero as autoridades de Marrocos denegaron o permiso.
A persoa enferma permanece dentro do avión con soporte eléctrico do recinto aeroportuario á espera de que chegue un novo avión para continuar o seu traxecto ata Ámsterdam.
Ao respecto, o Ministerio de Sanidade indicou que o paciente non representa un risco para a saúde pública e que permanecerán en pista ata que se solucione a situación.
Algunhas previsións apuntan que o avión terá que facer nas próximas horas outra escala en terras españolas, concretamente no aeroporto de Málaga.
No caso de que algúns dos pasaxeiros españois presente algún síntoma está previsto que ingrese nesas unidades de illamento, mentres que os que permanezan asintomáticos pasarán a corentena no centro hospitalario pero noutras dependencias, explicaron fontes do Goberno.
Respecto ao período de illamento, dependerá das reunións técnicas nas que se determinará "o día cero dese contacto" e que terá en conta o período de incubación do virus, que se sitúa ao redor de 45 días.
Ningún dos pasaxeiros do barco presenta síntomas
García explicou que todos os pasaxeiros están "asintomáticos", unha vez que os tres casos con síntomas e o médico do cruceiro xa están fóra da embarcación e foron evacuados desde Cabo Verde.
O Executivo dixo tamén que garantirá "todas as medidas de seguridade" para impedir a transmisión do hantavirus desde a atracada do barco no porto canario de Granadilla, do que dixo que ten "moi pouca actividade por ser un porto secundario a dez minutos do aeroporto sur de Tenerife".
"Unha vez alí, poñerase en marcha un mecanismo conxunto de avaliación sanitaria e de evacuación para repatriar a todos os membros da pasaxe, salvo que a condición médica o impida", sinalou Mónica García, que priorizou a "atención á crise".
Tanto a atención médica como os traslados realizaranse en espazos e transportes especiais habilitados ad hoc, "evitando todo contacto coa poboación local e velando en todo momento pola seguridade do persoal de asistencia".
No caso de que algún pasaxeiro estranxeiro necesitase atención sanitaria urxente, daráselle en España, pero as fontes insistiron en que polo momento todos están asintomáticos e a previsión é que saian cara aos seus países unha vez desembarquen en Tenerife.
"A situación é complexa, pero temos os medios para responder a este tipo de situacións co músculo propio do noso país, pero tamén da Unión Europea", engadiu Marlaska tras explicar que se activou o Mecanismo europeo de Protección Civil para realizar unha análise minuto a minuto da situación.