Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Cabido de Tenerife non quere que o barco con hantavirus atraque na illa

O Cabido de Tenerife non quere que o barco con hantavirus atraque na illa

A institución pide paralizar a operación ata coñecer todos os riscos sanitarios

Estima que a intervención sobre o transatlántico debe facerse en Cabo Verde

O Goberno canario critica a falta de información sobre a chegada do barco con hantavirus

REUTERS/Danilson Sequeira REUTERS/Danilson Sequeira
G24.gal 06/05/2026 18:04 Última actualización 06/05/2026 18:26

O Cabido de Tenerife expresou este mércores o seu rexeitamento absoluto a que o transatlántico MV Hondius, afectado por un gromo de hantavirus e fondeado en Cabo Verde, sexa trasladado á illa.

A presidenta da institución, Rosa Dávila, leu un comunicado en que o Cabido apoia a postura do presidente de Canarias, Fernando Clavijo, e rexeita que o buque entre en augas do arquipélago.

Dávila afirmou que Tenerife non pode converterse novamente no territorio elixido para asumir crises internacionais que outros países non queren xestionar. Engadiu que considera inadmisible poñer en risco a seguridade sanitaria, a tranquilidade social e a capacidade asistencial da illa.

A corporación criticou a falta de consenso e de información suficiente por parte do Goberno central. Tamén sinalou que a decisión se tomou sen o apoio das institucións canarias e de forma unilateral desde Madrid.

A presidenta rexeitou que Tenerife se utilice como plataforma permanente de continxencia pola súa situación xeográfica ou por criterios políticos. Indicou que a solidariedade non pode implicar riscos para a seguridade e a estabilidade do territorio.

O Cabido esixiu a paralización de calquera operativo relacionado coa chegada do barco ata que exista transparencia total sobre a gravidade do gromo, o número de persoas afectadas, os riscos reais de contaxio e as garantías sanitarias efectivas.

Dávila advertiu de que as explicacións xerais sobre protocolos non son suficientes cando está en xogo a saúde pública e a confianza da poboación.

A presidenta lembrou que a illa xa soporta unha forte presión nos servizos públicos, especialmente no ámbito sanitario. Considerou que engadir unha operación deste tipo evidencia descoñecemento da realidade do arquipélago e falta de respecto institucional.

Pide ao Goberno que asuma a responsabilidade

Dávila insistiu en que Tenerife non debe ser o destino automático para emerxencias internacionais. Sinalou que quen adopte esta decisión deberá asumir as consecuencias políticas e sociais.

A presidenta defendeu que protexer Tenerife implica garantir a seguridade, a dignidade e o dereito da poboación a non ser tratada como territorio de sacrificio. Indicou que a intervención sobre o barco debe facerse en Cabo Verde.

Agarda que Fernando Clavijo se reúna co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para reconducir a situación e poñer fin a unha decisión adoptada, dixo, de forma unilateral e de noite, despois de que nunha reunión técnica previa se acordase que o barco non sería trasladado á illa.

Finalmente, Dávila enviou unha carta ao presidente do Goberno e a varios ministros en que reitera o seu rexeitamento. Tamén solicita información completa e transparente, coordinación coas institucións canarias, protocolos de illamento garantidos e seguridade total para a poboación e o persoal sanitario.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade