Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta pide a Bruxelas que audite o Estado español para que cumpra coa implantación de eólicos en Galicia

A Xunta pide a Bruxelas que audite o Estado español para que cumpra coa implantación de eólicos en Galicia

A conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, pediulle á comisaria europea de Medio Ambiente, Jessika Roswall, que se acabe coa "parálise absoluta" nesta materia 

Vázquez tamén lle transmitiu á comisaria que o Goberno mente sobre a situación do lobo por "motivos ideolóxicos"

A conselleira Ánxeles Vázquez e a comisaria Jessika Roswall
G24.gal 16/03/2026 16:12

A Conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, reuniuse este luns en Bruxelas coa comisaria europea de Medio Ambiente, Jessika Roswall, para trasladarlle a situación de Galicia desde o punto de vista das enerxías renovables e reclamarlle que Europa "audite" e "vele" polo cumprimento por parte do Estado español da directiva europea sobre renovables, para acabar coa "parálise absoluta" na implantación eólica.

Vázquez lembrou, ante os medios de comunicación, que "pasaron sete meses" desde que o Tribunal de Xustiza da UE (TXUE) "lle deu a razón a Galicia" e "acreditou que o traballo que estamos a facer para autorizar a implantación da eólica está a facerse con absoluto rigor".

A conselleira salientou tamén que pasou un ano "desde que a comisión lle abriu un expediente de infracción ao Goberno español por non traspoñer as directivas" en materia de renovables e, con iso, non "facilitar a implantación da eólica en Galicia".

220 paralizacións cautelares 

Con todo, lamentou, que aínda con estes fallos, "desde o ano 2020" Galicia sofre "unha parálise total e absoluta" na materia e rexistra "220 paralizacións cautelares" ordenadas polo TSXG.

Esta "paralización", sinalou a conselleira, supón, en "un contexto geopolitico que volve ser complicado", que Galicia teña "dependencia doutras enerxías" non renovables. Ademais, lembrou, para esta aposta existe unha "causa ambiental", o obxectivo de alcanzar unha diminución do 75 % nas emisións netas en 2030, que Galicia fixou por lei. Na actualidade, esa redución está ao 61,7 %, apuntou Ánxeles Vázquez.

Por iso, a conselleira reclamou á comisaria que se controle o cumprimento das directivas europeas, "porque, de non ser así, non cumprirá Galicia e non cumprirá España, e nós queremos ser responsables", engadiu.

Estado de conservación do lobo "favorable"

A conselleira e a comisaria trataron na reunión a xestión do lobo, un asunto no que Ángeles Vázquez acusou ao Goberno central "de faltar á verdade" na información que transmite a Bruxelas simplemente por "motivos ideolóxicos".

A titular de Medio Ambiente entregoulle á comisaria o borrador de informe sexenal sobre o estado de conservación da especie que foi aprobado na Comisión Estatal de Patrimonio Natural e Biodiversidade a mediados de xullo do ano pasado.

Ese documento recolle, de acordo con a información facilitada polas comunidades autónomas, que o estado de conservación do lobo en España "é favorable". Con todo, "o informe non foi remitido polo Goberno central a Bruxelas en tempo e forma" porque o seu contido "vai en contra" da pretensión do Ministerio para a Transición Ecolóxica "de seguir mantendo a declaración da especie como vulnerable".

Acusa o Goberno de abandonar o sector gandeiro 

Vázquez criticou tamén que o Goberno manteña ao sector gandeiro en "total abandono" con respecto aos ataques do lobo, coa decisión de destinar o ano pasado "os 20 millóns de euros reservados para repartir entre as comunidades autónomas para previr e compensar os danos do lobo a apoios para o despregamento do coche eléctrico".

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, asegurou Vázquez, "debe a Galicia 12 millóns de euros, correspondentes cos fondos dos anos 2022, 2023 e 2025".

En canto ás poboacións desta especie, segundo o censo elaborado pola Xunta en 2022, están conformadas por 93 mandas e a súa presenza esténdese en máis do 90 % do territorio, "polo que o seu estado de conservación é favorable". 

Na mesma liña, as reses afectadas por eses ataques pasaron de 2.050 en 2021 a unha media de 3.168 nos últimos dous anos, o que implica unha subida do 55 %, recolleu a conselleira.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade