O TSXG aparta o xuíz Villares da sección encargada de eólicos por falta de imparcialidade
A nova presidenta do Contencioso-Administrativo do Alto Tribunal, Recio González, xustifica a decisión en que "resultou vulnerado o dereito fundamental a un xuíz imparcial" por parte do exlíder de En Marea a "necesidades reorganizativas"
Arquivo (Europa Press)
A nova presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), María Azucena Recio González, decidiu o traslado forzoso do xuíz Luís Villares da sección terceira da Sala do Contencioso, que paralizou decenas de proxectos eólicos nos últimos tempos, para pasar á sección cuarta. Igualmente, envía da sección terceira á cuarta á maxistrada María Dolores López López.
Nun acordo con data do 12 de marzo de 2025, ao que tivo acceso Europa Press, a presidenta da Sala do Contencioso decide reestruturar esta sección terceira con base en sentenzas ditadas polo Tribunal Supremo, nas cales "se considera que resultou vulnerado o dereito fundamental a un xuíz imparcial" por parte de Villares, que "se pon en relación coa intervención en política" de quen foi líder de En Marea.
Precisamente, dáse a circunstancia de que Recio conseguiu esta praza á que tamén aspiraba o maxistrado Villares, sobre quen di agora que a súa "imparcialidade foi sometida a valoración xudicial polo Tribunal Supremo".
Tamén basea esta decisión nas "necesidades reorganizativas, atendido o número de procedementos que se tramitan en cada unha das seccións, por entender que a reestruturación vai reforzar o bo funcionamento da Sala". Contra esta decisión cabe interpoñer recurso no prazo dun mes ante o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX).
De tal forma, decide tamén o traslado da sección terceira á cuarta da maxistrada María Dolores López López, segundo xustifica, "para conseguir unha composición equilibrada das seccións".
A comezos de ano, o Supremo anulou tres sentenzas a raíz doutros tantos recursos de casación da concesionaria do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, ao considerar que hai dúbidas sobra a "imparcialidade" de Luis Villares, exlíder de En Marea e un dos xuíces que se pronunciou como membro da Sala.
Sobre esta decisión, Xuízas e Xuíces para a Democracia emitiu un comunicado no que mostra a súa "preocupación" polos "inusuais" traslados forzosos "de tanta envergadura" na sección terceira porque "poden afectar as garantías de inamobilidade e independencia xudicial".