Galicia e 13 comunidades gobernadas polo PP anuncian accións xudiciais para que se cumpra a norma do lobo
Galicia e 13 comunidades gobernadas polo PP anuncian accións xudiciais para que se cumpra a norma do lobo
As comunidades gobernadas polo PSOE desvencéllanse das denuncias
Catorce autonomías, entre elas Galicia, anunciaron este xoves accións xudiciais para esixir ao Goberno que cumpra a normativa nacional e europea sobre conservación do lobo.
Nun comunicado, a Consellería de Medio Ambiente de Castela e León incidiu en que as comunidades denuncian que o ministerio segue sen remitir a Europa un informe obrigatorio sobre o estado de conservación de especies como o lobo ibérico, o que xa provocou a apertura dun procedemento sancionador contra España.
Castela e León lembrou que en xullo de 2025 finalizou o prazo que tiña o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) para remitir á Comisión Europea os informes sexenais sobre o estado de conservación de distintas especies de interese comunitario, entre elas, o lobo ibérico.
Esa obriga recóllese na Directiva Hábitats de 1992 e o seu incumprimento provocou que a Comisión Europea iniciase un procedemento sancionador contra España por non enviar ese informe no prazo establecido.
Para poder aprobar e remitir ese informe é necesaria a reunión da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente, que lle corresponde convocar ao ministerio, e que segue sen convocarse.
Ante esa situación, as comunidades autónomas denunciantes iniciarán novas accións xudiciais contra o ministerio por, segundo din, incumprir tanto a normativa española como a europea.
O Goberno sostén que, segundo o censo nacional do lobo 2021-2024, só hai 333 mandas de lobos en toda España. Os científicos consideran que para asegurara a viabilidade xenética da especie farían falta 500.
As comunidades denunciantes están gobernadas polo PP en solitario ou en coalición con outros partidos. As comunidades gobernadas polo PSOE non se sumaron á denuncia.