Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ánxeles Vázquez acusa a Caballero de facer "negocio" coa auga e o alcalde vigués pide cesala

Ánxeles Vázquez acusa a Caballero de facer "negocio" coa auga e o alcalde vigués pide cesala

A conselleira dixo que o Concello vigués debe 6 millóns de euros a Augas de Galicia polo mantemento da presa de Eiras, pero cobra aos municipios como Baiona que empregan os encoros

Encoro de Eiras (Arquivo TVG) Encoro de Eiras (Arquivo TVG)
G24.gal 26/08/2026 16:00

A conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, acusou este mércores o alcalde de Vigo, Abel Caballero, de "intentar confundir á cidadanía" e ter montado "un negocio" coa auga, mentres que o rexedor tachou as súas palabras de "falsidades" e pediu o seu cesamento.

"No caso de Vigo, non podo máis que lamentar que o seu alcalde siga con esta estratexia de intentar confundir á cidadanía nunha cuestión que preocupa os veciños", sinalou a conselleira en declaracións a medios de comunicación.

Vázquez asegurou que Caballero "se pon moi nervioso" coa cuestión da auga e cando a Xunta defende que hai que avanzar cara a unha mancomunidade, porque "iso supón que se lle cae o negocio que agora ten montado coa auga".

A conselleira dixo que o Concello vigués debe 6 millóns de euros a Augas de Galicia polo mantemento da presa de Eiras, pero cobra aos municipios como Baiona que empregan os encoros.

"Chama a atención que el non paga, pero si cobra", insistiu Vázquez, que aseverou que "a auga é de todos, non dun municipio".

A titularidade da presa de Eiras é da Xunta pero Vigo ten a competencia do manexo das válvulas, segundo a conselleira, e o Concello non avisou a Augas de Galicia de que había unha avaría.

Despois de lograr entrar na presa e detectar a avaría, a Xunta asumiu a actuación por vía de emerxencia con máis de 2,7 millóns de euros "porque estaba en perigo o abastecemento de preto de 400.000 persoas", dixo Vázquez, que asegurou que invitaron o alcalde e aos concelleiros a visitar as obras pero non foron.

"O alcalde de Vigo non fixo nada para resolver os problemas de Eiras e agora tamén lle está ocultando á cidadanía de Vigo as perdas de auga, que son moitas e están por encima do que permite a lei", denunciou a titular de Medio Ambiente, quen detallou que chegan ao 25 %, co que se perde un mes de consumo por cada catro.

O Goberno galego seguirá exercendo as súas competencias e apelando "á cooperación e a lealdade institucional para traballar todos xuntos", pero non permitirá "que se xogue con algo esencial como a auga potable", resolveu.

Caballero pide o cesamento de Vázquez

Abel Caballero enviou onte unha carta ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para reclamarlle que asuma os problemas de abastecemento de auga potable que afectan a Vigo e á conxunta da área metropolitana, e estúdese "xa mesmo" a construción dunha nova presa augas arriba do río Oitavén.

Este mércores, o alcalde respondeu a Vázquez e asegurou que as acusacións da conselleira son "falsidades" e que Rueda debe cesala "de forma inmediata pola súa incapacidade de xestionar algo tan importante como a auga".

Caballero sinalou que non existe ningunha débeda de 6 millóns de euros e que o asunto está recorrido ante a Xustiza:

"Xa se verá que deciden os tribunais. Ou é que xa sabe ela que lle van a fallar a favor?".

O rexedor insistiu en que é Vigo quen arranxa os problemas que xorden coa auga en municipios como Baiona e Moaña porque "a Xunta non arranxa nada" e sinalou que as válvulas da presa de Eiras tiveron que cambiarse porque "as puxeron mal".

"O máis grave de todo é que hoxe non falou nin unha palabra da presa nova que temos que facer augas arriba", insistiu Cabaleiro, que defendeu que é unha cuestión acordada pola Xunta, o Goberno español e o Concello de Vigo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade