Publicador de contidos

Publicador de contidos

Declarada a situación de seca prolongada en 74 concellos da Coruña e Lugo

Declarada a situación de seca prolongada en 74 concellos da Coruña e Lugo

Os municipios afectados son os que pertencen aos sistemas do Ulla-Tambre e da costa norte que abarca Ortegal e parte da Mariña

Mantense a situación de alerta por escaseza de auga nos sistemas do río Lérez, do Anllóns e costa da Coruña ata o límite con Arteixo, así como medidas equivalentes no subsistema de Baiona

A Xunta indica que tamén acordou declarar a prealerta en catro novas unidades territoriais que se suman ás cinco que xa estaban nesa fase 

Europa Press-Arquivo Europa Press-Arquivo
G24.gal 24/09/2026 16:39

A Xunta declarou en situación de seca prolongada os sistemas dos ríos Ulla-Tambre e no da costa norte (que abarca as comarcas de Ortegal e parte da Mariña lucense) ante a constatación dunha redución "drástica" das precipitacións e dos recursos hídricos naturais en ambas as zonas e tendo en conta as previsións meteorolóxicas.

Así o acordou este xoves a Oficina Técnica da Seca, presidida polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández. Estes sistemas abarcan un total de 74 concellos da Coruña e Lugo.

En concreto, o de Ulla-Tambre afecta a Ames, Arzúa, A Baña, Boimorto, Boiro, Boqueixón, Brión, Cerceda, Coristanco, Dodro, Frades, Lousame, Melide, Mesía, Muros, Negreira, Noia, Ordes, Oroso, Outes, Padrón, O Pino, A Pobra do Caramiñal, O Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, Santiago de Compostela, Santiso, Sobrado, Teo, Toques, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra, Vilasantar, Antas de Ulla, Monterroso, Palas de Rei, Portomarín, Catoira, Dozón, A Estrada, Agolada, Lalín, Pontecesures, Rodeiro, Silleda, Valga e Vila de Cruces.

O sistema da costa norte abarca a Cedeira, Cerdido, Mañón, Ortigueira, As Pontes de García Rodríguez, As Somozas, Cariño, Abadín, Alfoz do Castrodouro, Barreiros, Cervo, Foz, Xove, Lourenzá, Mondoñedo, Muras, Ourol, Ribadeo, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Burela.

Ademais, mantén a situación de alerta por escaseza de auga nos sistemas do río Lérez, en Pontevedra, e do río Anllóns e costa da Coruña ata o límite con Arteixo, así como medidas equivalentes, sen chegar a declarala, no subsistema de Baiona.

O feito de que unha parte da demarcación hidrográfica entre oficialmente en seca prolongada non implica por si mesma restricións nos usos e consumos de auga nestes municipios, pero si permite adaptar o réxime de caudais ecolóxicos ás condicións e circunstancias excepcionais actuais.

"En vista da evolución máis recente dos indicadores do protocolo da seca", a Xunta indica que tamén acordou declarar a prealerta en catro novas unidades territoriais: río Verdugo, ría de Vigo e ría de Baiona; costa de Ponteveda; río Umia e ría de Arousa marxe esquerda, e río Mero, Arteixo e ría da Coruña.

Estas zonas súmanse ás cinco que xa estaban nesta fase: río Tambre e ría de Muros e Noia; río Grande, en Camariñas; río Mandeo e ría de Betanzos; río Landro e río Ouro, e Ferrol.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade