Publicador de contidos

Publicador de contidos

Dimite o ministro británico de Sanidade e perfílase como rival de Keir Starmer

Dimite o ministro británico de Sanidade e perfílase como rival de Keir Starmer

Wes Streeting achaca os malos resultados electorais do 7 de maio a "erros individuais" cometidos polo mandatario laborista

É o primeiro ministro do gabinete de Starmer que anuncia a súa dimisión 

Wes Streeting. Lucy North / Europa Press Wes Streeting. Lucy North / Europa Press
G24.gal 14/05/2026 15:15

O ministro británico de Sanidade, Wes Streeting, anunciou este xoves que dimite do seu cargo, nun movemento que recrúa a crise no seo do Goberno laborista de Keir Starmer e perfílao como posible rival para disputarlle o liderado do partido.

Nun comunicado, Streeting, de 43 anos, asegurou que, tras o desastre laborista nas eleccións locais da semana pasada, está claro que Starmer non poderá liderar a formación de esquerdas para os próximos comicios de 2029 e avogou por un debate sobre o liderado con "o mellor rango de candidatos posible".

O exministro de Sanidade defendeu as fortalezas de Starmer como líder, tras chegar ao poder en xullo de 2024 cunha maioría absoluta, ou pola súa "coraxe" a nivel internacional e a súa determinación á hora de manter ao Reino Unido fóra da guerra en Irán, para despois enumerar todas as súas debilidades.

Streeting di que o país necesita solucións máis valentes que as que ofrece o Goberno

En primeiro lugar, asegurou que o desastre electoral da pasada semana é resultado da "impopularidade" do Executivo laborista de Starmer e dos "erros individuais" cometidos, como a decisión de recortar axudas para os pensionistas, que deixaron ao país sen saber que é o que o partido defende realmente.

"Onde necesitamos visión, temos unha aspiradora. Onde necesitamos dirección, temos deriva", dixo Streeting, que defendeu que os retos futuros que enfronta o país necesitan unha mirada máis valente e solucións mellores que as que actualmente está a ofrecer o Goberno.

Streeting é o primeiro ministro do gabinete de Starmer que anuncia a súa dimisión -fixérono nos pasados días catro secretarios de Estado-, o que pon nunha situación moi difícil ao actual xefe do Goberno británico. Mentres, entre os laboristas crece a división interna entre os que piden a súa dimisión inmediata -ou que estableza un plan de saída- e os que aínda o apoian como líder. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade