Burnham asume o Goberno británico e promete un novo modelo político e económico
O novo primeiro ministro anuncia os maiores cambios en 40 anos en educación, saúde mental e vivenda subvencionada
O laborista é o sétimo xefe do Executivo británico nunha década de inestabilidade política
"O meu traballo rematou", indicou o seu predecersor Keir Starmer tras abandonar o cargo despois de dous anos de mandato
O recentemente nomeado primeiro ministro británico Andy Burnham é recibido en audiencia polo rei, Carlos III (Aaron Chown/Pool via REUTERS)
O novo primeiro ministro británico, Andy Burnham, prometeu na súa primeira comparecencia pública "un novo modelo político e un novo modelo económico" para o Reino Unido.
Sen concretar ningunha promesa, Burnham - que aínda non anunciou o seu equipo de goberno - anunciou un plan de acción de dez anos no que o foco estará en "dar á xente algún respiro e algunha axuda co custo da vida", unha idea que vén repetindo como o seu principal argumento.
Porque -recoñeceu- o anterior goberno laborista tivo un defecto: "Non fomos o bastante bos, e temos que facelo mellor (...) Imos traer os maiores cambios nos últimos 40 anos", anunciou.
Seguirá apoiando a OTAN con investimentos en Defensa
Adiantou que os cambios incluirán cambiar o sistema educativo, reforzar a saúde mental e construír máis vivenda subsidiada, todo iso "respectando a disciplina fiscal e os nosos compromisos en defensa cos nosos socios internacionais".
Andy Burham garantiu que o Reino Unido non se apartará da liña de maior investimento en defensa imposta pola OTAN e polo seu principal contribuínte, o presidente estadounidense Donald Trump.
Audiencia co monarca Carlos III
Andy Burnham asumiu este luns o cargo de primeiro ministro do Reino Unido tras recibir o encargo do rei Carlos III para formar goberno.
O novo líder laborista británico mantivo unha audiencia co monarca no palacio de Buckingham despois de que Keir Starmer presentase formalmente a Carlos III a súa dimisión como primeiro ministro.
O pasado venres, Burnham foi declarado formalmente líder do Partido Laborista despois de recibir un amplo apoio dos deputados da súa formación, sen que fose necesario celebrar unhas eleccións internas.
Está previsto que esta mesma tarde o novo primeiro ministro empece a nomear os ministros que formarán o seu Goberno. Especialmente relevante será o nome do encargado ou encargada da carteira de Economía.
"O meu traballou rematou", asegura Keir Starmer
O laborista Keir Starmer, que o pasado 22 de xuño anunciou a súa dimisión tras perder o apoio do seu grupo parlamentario, dirixiuse ao país ante a residencia oficial do número 10 de Downing Street antes de presentar formalmente a súa renuncia ante o rei.
Rodeado polos ministros do seu Goberno e o persoal que traballa en Downing Street, dixo que foi o privilexio da súa vida servir como primeiro ministro nestes dous anos.
Na súa última intervención como xefe do Goberno británico, Starmer indicou que o seu traballo rematou e destacou que o Reino Unido é máis forte e máis xusto que hai dous anos, cando gañou as eleccións xerais no Reino Unido.
Resaltou que a economía é máis forte, os servizos públicos melloraron, moitos nenos saíron da pobreza, a inmigración está a diminuír e a reputación internacional do Reino Unido viuse enormemente reforzada.
REUTERS/Isabel Infantes
Nun breve discurso, Starmer admitiu: "O país afronta un mundo no que os nosos inimigos non se deterán ante nada para dividirnos polos nosos valores". Á vez, reiterou o firme apoio británico a Ucraína ante a invasión rusa.
Concluíu afirmando que marcha con dignidade, cun sorriso e orgulloso de todo o logrado. Tras o aplauso do persoal que o rodeaba, subiu ao coche oficial para dirixirse a Buckingham para presentar a dimisión ao xefe de Estado.
Andy Burnham, o sétimo primeiro ministro británico nunha década de inestabilidade política
O exalcalde de Mánchester Andy Burnham converteuse este luns no sétimo xefe de Goberno do Reino Unido nunha década, despois de ser proclamado o venres líder do Partido Laborista e asumir hoxe o cargo de primeiro ministro.
A súa entrada en Downing Street culmina un período de forte inestabilidade política iniciado en 2010, cando a chegada ao poder dunha coalición entre conservadores e liberaldemócratas rompeu con décadas de alternancia entre os dous grandes partidos, o Conservador e o Laborista. A situación agravouse tras o referendo do Brexit de 2016, que acelerou a fragmentación do voto e o auxe de novas forzas populistas.
Estes son os primeiros ministros que gobernaron o Reino Unido nos últimos dez anos:
David Cameron (2010-2016)
Dimitiu tras a vitoria do Brexit no referendo do 23 de xuño de 2016, que convocou para aplacar o sector euroescéptico do Partido Conservador. Tras un mandato marcado pola austeridade posterior á crise financeira de 2008, a súa decisión de someter a permanencia na Unión Europea a consulta abriu unha das maiores crises políticas das últimas décadas no país.
Theresa May (2016-2019)
Sucedeu a Cameron tras impoñerse nas primarias internas do Partido Conservador como candidata de consenso para executar o Brexit, pero perdeu a maioría absoluta ao convocar eleccións anticipadas en 2017. O seu Goberno quedou bloqueado polas dificultades para aprobar no Parlamento o acordo de saída negociado con Bruxelas e, tras varias derrotas parlamentarias, acabou dimitindo ao non lograr sacar adiante a súa estratexia de ruptura coa UE.
Boris Johnson (2019-2022)
Chegou a Downing Street coa promesa de culminar o Brexit cunha separación máis radical que a proposta por May e logrou unha ampla maioría conservadora nas eleccións xerais de 2019, que permitiu completar a saída da UE en 2020. O seu mandato estivo marcado tamén pola súa controvertida xestión da pandemia de COVID-19 e terminou debilitado polos escándalos, especialmente o Partygate -as festas celebradas en oficinas gobernamentais durante o confinamento-, que desencadeou unha crise interna e acabou forzando a súa dimisión.
Liz Truss (2022)
Protagonizou o mandato máis breve na historia británica, tras converterse en líder conservadora nuns comicios internos e en primeira ministra o 6 de setembro de 2022. O seu plan económico, baseado en grandes recortes fiscais sen apoio de ingresos, provocou unha forte reacción dos mercados e a perda de confianza dos deputados conservadores. Precipitouse a súa dimisión só 49 días despois de asumir o cargo.
Rishi Sunak (2022-2024)
Sunak substituíu a Truss noutras eleccións no Partido Conservador co obxectivo de estabilizar a economía e recuperar a credibilidade dos tories ante o sector financeiro. Aínda que logrou reducir parte da inflación e completar acordos derivados do Brexit, non conseguiu reverter o desgaste conservador, que culminou cunha histórica derrota do partido nos comicios xerais do 4 de xullo de 2024.
Keir Starmer (2024-2026)
Chegou a Downing Street cunha rotunda maioría absoluta, poñendo fin a catorce anos de gobernos conservadores. Con todo, varias decisións impopulares e as súas dificultades para conectar co electorado, reflectidas nunha forte caída nas enquisas, foron debilitando o seu liderado ata perder a confianza do seu grupo parlamentario, especialmente tras os malos resultados nas eleccións locais e rexionais do pasado maio.
Andy Burnham (desde 2026)
Elixido líder laborista nuns comicios internos sen rival, Burnham asume este luns o cargo de primeiro ministro co reto de dar un novo rumbo ao laborismo e aproveitar a súa maioría absoluta para impulsar unha axenda económica orientada a reducir as desigualdades. Prometeu descentralizar competencias para fomentar o crecemento rexional, aumentar o papel do Estado en sectores estratéxicos e aplicar medidas para aliviar o custo da vida, como a redución da factura enerxética, aínda que a súa marxe de actuación estará limitada polo compromiso de respectar as regras de disciplina fiscal.