Publicador de contidos

Publicador de contidos

Segue o temor en Rianxo tras unha vaga de roubos nos comercios da zona centro

Segue o temor en Rianxo tras unha vaga de roubos nos comercios da zona centro

Os ataques sucedéronse dende principio de ano, e aínda hai establecementos que prefiren traballar coa porta pechada

 

Danos nun establecemento que tentaron asaltar en Rianxo
G24.gal 16/03/2026 14:39

Veciños e comerciantes de Rianxo falan dun inicio de ano complicado, sobre todo na zona do centro. As complicacións cáusaas un grupo de persoas que cometen pequenos roubos nos comercios, piden, ou intimidan a xente na rúa.  

"Foi nos primeiros meses do ano, principalmente en febreiro, que houbo varios roubos en establecementos, sobre todo de alimentación", explica Conchi Martínez, presidenta da Asociación Rianxeira de Empresas.

Nalgún caso -di- fixeron algunha desfeita, rebentaron as ventás, pero os roubos son pequenos: "un peto das propinas ou alimentos que despois venden", relata. 

O caso é que agora, para entrar nalgúns negocios do centro, hai que chamar no timbre. Os que poden, prefiren traballar a porta pechada. Colleron medo tras a vaga de ataques: polo menos nun caos, foi a punta de navalla. 

"Entrou un encapuchado, quitou a navalla e dixo 'isto é un atraco, dame os cartos', tiven que abrir a caixa, colleu o que puido dende fóra e marchou", relata a vítima.

E o caso é que saben de sobra quen son os presuntos delincuentes. 

"Son veciños do concello -di a presidenta da ARE-, algúns antes recorrían ao furtivismo para sacar uns cartiños, pero o mar non dá hoxe en día e búscanse a vida".

Os empresarios reuníronse co Concello, a Garda Civil e a Policía Local, e din que dende que intensificaron os controis, mellorou a situación. A policía está facendo un labor para disuadir os cacos, deu recomendacións de seguridade ás vítimas, e pide colaboración. 

"Recomendáronnos poñer cámaras de videovixilancia, e piden que nunca se lles compre nada do que ofrezan. Se non teñen compradores, non necesitarían roubar para vender", di Conchi Martínez.

Tamén lles recomendaron que denuncien sempre, "por pequeno que sexa o roubo, como se é un cepillo de dentes ou un mechero", explica. 

Celebran que a presión policial estea dando resultado. Din que levan unhas semanas sen altercados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade