Rouban un portón de 10 metros de lonxitude e un valado de 60 nunha empresa de Vilagarcía
Os ladróns non levaron nin cartos nin mercadorías da industria, situada no polígono industrial do Posadouro, e sospeitase que utilizaron maquinaria pesada
A Policía investiga para dar cos autores do roubo
Un portón de case 10 metros de lonxitude e uns 60 metros de valado de ferro. Iso foi o que roubaron os ladróns das instalacións de Plagal, no polígono do Pousadoiro, en Vilagarcía.
O propietario da empresa decatouse do roubo na mañá deste pasado luns, cando acudiu a comprobar o estado da instalación que está a reformar para construír unha nave.
"Esta fin de semana unicamente vin o sábado. O sábado estaba ben e tivo que ser na noite do sábado ao domingo, porque onte pola mañá cheguei aquí e dixen: que pasou aquí, roubaron todo. Eu xa sempre vixiaba porque xa teñen feito cousas aquí. O máis importante que levaron foi case 60 e tantos metros de valado e un portón que tiña case dez metros de longo".
Ademais de actuar de noite, os ladróns aproveitaron a ausencia de cámaras de seguridade e a distancia respecto ao resto de naves do polígono para perpetrar o roubo. Tamén levaron obxectos metálicos de menor tamaño, como varias tapas de sumidoiro, marcos de ventás ou as billas acabadas de instalar pola empresa.
"Esta semana veu o fontaneiro para colocarnos a auga, porque tamén roubaran o cadro e tamén volveron a roubar as billas. Eu creo, máis que nada, que tiran ao ferro, ao aluminio, ao metal. Eu supoño que ten que ser para vendelo, o valado poden empregalo, pero iso dame que vai para a chatarrería. Oxalá soubera para que chatarrería vai para recuperalo, aínda que houbera que pagar".
Dende Plagal sospeitan que os responsables son varias persoas e que empregaron maquinaria pesada para transportar todo o metal roubado.
Tamén aseguran que sabían o que facían, pois serraron os parafusos que suxeitaban o valado e cortaron a subministración eléctrica antes de acceder á propiedade.
"Para cargalo, a min extráñame moitísimo como un portal de case 10 metros e medio... como meteron iso nun camión, tiña que ser un camión. E todo o valado... tiñan que ser varias persoas. Creo que son bastante profesionais porque para tocar un cadro eléctrico trifásico como o que tiñamos alí e cortar e arrancar con todo o que arrancaron... Eu creo que é xente que sabe, sabe o que fai".
Polo momento a identidade dos ladróns continúa a ser unha incógnita, mais a Policía Nacional investiga o acontecido para tratar de dar con eles.