Entran roubar en varias igrexas de Xinzo en busca de cartos
Os danos en portas e mobles son superiores ao efectivo que levaron os ladróns
Estes roubos coinciden pouco tempo despois dos saqueos en cemiterios da provincia
Outro golpe no máis sagrado.
"Levaron dúas cadeas de ouro que tiña a Dolorosa. En Parada si estragaron os petos. En Ganade, como non hai petos, só fixeron danos na porta, que aquela custoulle máis abrila ca esta", confirma Tomás Delgado, párroco de varias igrexas de Xinzo
"A pechadura vela aí está, no chan, e deixaron a porta desfeita", sinala unha veciña.
Demasiado dano para pouco botín.
"Eles andan buscando cartos. Entón, revolven todo", sentenza o párroco.
"Que van roubar na igrexa? Se a xente maior non dá nada ou dá uns céntimos. Que pode haber? trinta ou corenta euros pero, claro, rebentan a pechadura e rebentan calquera cousa dentro e é o gasto que fan", lamenta outro home da parroquia.
Cantidades pequenas, de pouco delito, pero que hoxe en día custa xuntalas.
"É o pouco que imos recadando para pagar luz e esas cousas pero vén un desalmado coma este e lévao", quéixase o cura.
Sospeitan de bandas do este, que efectivamente actúan de noite, en días laborables e protexidos pola soidade do rural.
"Veño todos os días e aquí non se move ninguén. Veciños non hai ao redor. Isto está todos os días só e á noite entran como queren"
"Eu non me enterei de nada e o meu fillo levantouse ás cinco da mañá para ir traballar e non veu a ninguén", coinciden os veciños.
Chove sobre mollado. Nos últimos meses a xa coñecida como "banda dos cristos" profanou polo menos nove cemiterios en seis concellos de Ourense. Tamén en Xinzo.
"En Ganade hai vinte días tamén levaron seis cruces. Máis que nada é o estrago que fan e ver que saquearon as lápidas e para nós, os galegos, o cemiterio é algo moi sagrado", lamenta o párroco.
Non se descarta a relación cos grupos criminais que rouban cobre.