Rouban 300 metros de cable de cobre no polígono industrial de Barro
É a segunda subtracción que se produce no mesmo lugar en pouco máis dun mes
A iluminación pública do polígono de Outeda, na parroquia de Curro repúxose no ano 2016. Desde entón non tiveron ningún incidente, pero este ano xa levan contabilizados dous roubos nos sectores E e A, de onde levaron uns 300 metros de cable de cobre. Un foi no mes de agosto e outro a semana pasada, como relata o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández, quen asegura ademais que o fixeron nas zonas onde non hai naves nin cámaras de vixilancia para evitaren ser vistos.
Ademais dos prexuízos que lles ocasiona ás empresas e aos traballadores do polígono industrial, desde o Concello inciden no custo económico para as arcas municipais porque lle compete ao concello repoñer o cable subtraído.
O alcalde presentou denuncia na Garda Civil que está a investigar os roubos. Tamén apela á colaboración da veciñanza para intentar identificar os autores ou previr novos delitos.
A Garda Civil comprometeuse tamén a intensificar a vixilancia para evitar novos roubos na zona.