Desarticulada unha banda que roubaba a recadación de máquinas en gasolineiras de Ourense
Os 7 detidos, que xa foron postos en liberdade tras pasar a disposición xudicial en Verín, cometeron supostamente 15 roubos e levaron cartos e tabaco das máquinas
Os arrestos realizáronse en varias localidades de Madrid e Castela-A Mancha
A Garda Civil desarticulou unha banda que se dedicaba ao roubo da recadación en máquinas de tabaco e máquinas comecartos en estacións de servizo en diferentes municipios ourensáns. Na operación foron detidas sete persoas e investígase a outra.
O Equipo de Policía Xudicial da Garda Civil de Verín iniciou a operación Bezin OU en setembro de 2025 tras ter coñecemento de varios roubos cometidos nas estacións de servizo situadas en Abavides (tres roubos con forza), Trasmiras (dúas) e Oímbra (catro).
Tamén roubaban vehículos e no interior de naves agrícolas para facerse con ferramentas que despois utilizaban para a comisión dos roubos nos establecementos. Alcanzan un total de 15 feitos delituosos.
Contundencia extrema nos roubos
Os axentes destacan que "a contundencia empregada nos roubos era extrema, tanto no acceso aos establecementos como posteriormente no interior, violentando totalmente as máquinas expendedoras de tabaco e as máquinas recreativas, para a subtracción de tabaco e diñeiro". Para iso empregaban radiais, mazas, picos, martelos.
O modus operandi consistía en que o líder da organización se desprazaba ata as comarcas de Monterrei e A Limia para recoñecer os obxectivos do posterior roubo, onde realizaba varias reservas en distintos establecementos hoteleiros para o aloxamento do resto de integrantes. O obxectivo era non ser detectados e descartar vinculacións entre eles para executar os roubos e abandonar a provincia de Ourense.
Rexistros e recuperación de parte do diñeiro e do tabaco subtraído
A operación culminou coa detención de todos os integrantes da organización criminal, asentada en diferentes poboacións das comunidades de Madrid e Castela-A Mancha. Practicáronse dous rexistros domiciliarios en Toledo e Madrid, onde se recuperou parte do tabaco subtraído, diñeiro en efectivo e efectos e ferramentas utilizadas nos roubos.
A investigación é coordinada polo Tribunal de Instancia Sección Civil e de Instrución Praza número 1 de Verín. Quedaron en liberdade tras o seu pase á disposición xudicial.