Aparecen peixes mortos no río Gallo en Meira causando preocupación na veciñanza
Os veciños bótanlle a culpa ás verteduras da estación depuradora de Cuntis
O Concello di que a instalación cumpre con todos os parámetros e que a culpa é da falta de auga
Imaxes coma estas, con ducias de peixes mortos á beira do río Gallo, causaron malestar e preocupación aos veciños da localidade pontevedresa de Cuntis. Un mal estado do río que comeza a partir de aquí, en Meira, un quilómetro máis abaixo do núcleo urbán e que é donde esta instalada a depuradora municipal. De aquí sae esta auga, que vén acompañada de malos cheiros.
"Levamos máis de dous anos que non se poden abrir as fiestras da casa, que non se pode sair pasear aquí por Meira porque isto é nauseabundo. Ademais a vertedura ben se ve, troitas por todo o río mortas" explica Serafín, veciño de Meira en Cuntis.
Dende o concello din que a instalación cumpre con todos os parámetros, pero que é a falta de auga no río pola seca deste verán a que está a provocar esta situación, e dende onte camións cisterna están a vir á depuradora. Aos veciños non lles convence esta explicación:
"Iso non é verdade porque aquí ata no inverno como veña un día de calor cheira mal, e non vén naide porque cheira mal, é un olor que penetra nas casas e non eres capaz de dormir. É impresionante, unha cousa é dicilo e outra cousa é vivilo", comenta Serafín.
Amósanse tamén preocupados polas consecuencias destas verteduras río abaixo.
"A cantidade de troitas mortas río abaixo e como lle digo isto chega ata o embalse de Caldas, porque este río é un afluínte do Umia. Chega ao embalse de Caldas e están bebendo esa auga", contaba este veciño de Meira en Cuntis.
Esixen unha solución ao mal estado do río Gallo, e cren que máis aló da seca e da falta de auga pasa por unha intervención da estación depuradora de Meira.
"Que arranxen a depuradora dunha vez por todas. Leva así anos e anos e anos. Funcionando mal, mal, mal, e non a arranxan. Non sei se non queren, se non lles interesa, non o sei", di Serafín.