Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha quenlla azul, de visita no porto de Malpica

Unha quenlla azul, de visita no porto de Malpica

O exemplar de tiburón chamou a atención polo seu tamaño, de máis de tres metros

Dende o CEMMA aclaran que é unha especie inofensiva, pero recomendan non achegarse

G24.gal 07/07/2026 14:52

Un tiburón azul nada tranquilamente no peirao de Malpica. Gravouno o mariñeiro David Costa dous días seguidos, á saída e á chegada do cerqueiro en que traballa. Calcula que o peixe pode superar os tres metros de lonxitude. Os que ven agora as imaxes quedan sorprendidos, sobre todo, polo tamaño do exemplar.  

"É estraño ver un de dimensións tan grandes" di Fernando, mariñeiro retirado. Conta que non é tan raro ver crías de quenlla "de 50 centímetros" na costa, pero é raro ver un exemplar adulto no peirao. Porén, conta que en mar aberto coñecen ben as quenllas.

"Tentan comer o peixe que temos dentro do cerco, e cómenos a rede -explica-. Antes ata poñiamos anzois con comida para eles, e que non viñeran o cerco", di. Carlos, veciño de Malpica, di que antes era habitual ver quenllas, "pescábanse e había aquí peixes enormes".

Pensaron se esta que anda por Malpica podería ser unha captura accidental que liberaron, pero o acompañante que trae, un peixe pequeno que nada a carón del, indica que veñen de lonxe. "É un peixe que acompaña a quenllas e tartarugas, que vive en augas cálidas" explica Alfredo López, presidente do CEMMA. "Indica que esta quenlla non foi capturada, senón que chegou aquí dende a súa zona de orixe", conclúe.

Di que esta especie de quenlla é mansa e que non hai que temer pola súa presenza, pero tampouco incordiala, non sexa que se defenda: "Esta especie non é nerviosa, é inofensiva, pero hai que ter precaución -di-. Mellor non molestalas nin tocalas, porque todas as quenllas teñen dentes e poderían defenderse se se senten ameazadas". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade