Publicador de contidos

Publicador de contidos

A cesta da compra mantense á alza

A cesta da compra mantense á alza

O peixe lidera a suba dos prezos, coa sardiña un 18% máis cara

G24.gal 08/08/2026 14:20

Os consumidores nótano cada vez que pasan pola caixa: a cesta da compra continúa encarecéndose. O indicador adiantado do IPC sitúa a inflación de xullo no tres e medio por cento, tres décimas máis que en xuño. Unha evolución que os consumidores notan especialmente ao facer a compra.

"Disparouse todo, as froitas e as verduras moitísimo. Son produtos frescos de consumo habitual. Isto o que fai é empurrarnos a mercar ultraprocesados", comenta un consumidor ás portas dun supermercado.

"Antes con 50 euros chegabas tres días ao supermercado, agora só un. Se queres comer fresco e saudable tes que pagar prezos moi altos", láiase outra clienta.

O prezo da cesta da compra da Organización de Consumidores e Usuarios medrou medio punto en xullo e xa custa ao redor de 320 euros, preto do máximo rexistrado en abril. O peixe lidera as subas.

"O peixe subiu. Eu antes mercaba moito salmón e agora custa o dobre", di unha muller que sae de facer a compra.

"Baixan o tamaño e buscan cousas máis asequibles, se non lles encaixa unha cousa levan outra. Non veñen cunha idea fixa", indica un peixeiro do mercado da praza de Lugo da Coruña.

En concreto, as sardiñas encarecéronse case un dezaoito por cento. Tamén subiron as froitas e as verduras de temporada; os pementos verdes, por exemplo, un oito por cento. Nas carnicerías, o incremento foi máis moderado, pero os prezos continúan elevados. O panorama anima os consumidores a buscar fórmulas para conter o gasto.

"Intento mercar día a día para maximizar o que merco e non deixar que se estrague nada. Basicamente, racionalizamos un pouco", detalla unha consumidora.

"Eu utilizo moito a marca branca porque é máis barata e igual de boa", di un cliente que sae do supermercado co carriño cheo.

Segundo a OCU, os alimentos son agora un trinta e cinco e medio por cento máis caros que hai tres anos.

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade