O consumo de peixe cambia co inicio do outono cara a pratos máis elaborados
Buscamos opcións para cociñar caldeiradas e receitas ao forno
A lonxa da Coruña é un dos grandes motores económicos de Galicia. En 2025 vendeu máis de 25.000 toneladas de peixes e mariscos e superou os 75 millóns de euros de volume de negocio.
"Aquí chega marisco, baixura, litoral de palangre de volante e de cosa, temos as vacas do día, o cerco...", enumera Juan Carlos Corrás, presidente da lonxa da Coruña.
Esa riquísima variedade de especies que chega ao porto trasládase ás nosas prazas de abastos. Neste mercado coruñés da praza de Lugo atopamos eses peixes que adoitamos consumir durante practicamente todo o ano, como as meigas, a pescada ou o congro, e outros que asociamos máis a unha estación concreta.
"No verán, a sardiña, o xurelo, o bocarte, as rarrochas... Iso é o número un", di Merchi Rocha, unha das praceiras.
Triunfa o peixe azul, como o bonito, que está no treito final da campaña. Pero ao verán quédalle pouco e axiña comezaremos a pensar noutras opcións, as ideais para elaborar ao forno ou en caldeirada.
"A pescada, o peixe sapo e a raia son bos peixes para as caldeiradas. A raia está agora ben de prezo", asegura o peixeiro Marcos Rabina.
Pratos máis elaborados e contundentes nun calendario gastronómico que non perde de vista o ritmo do mar.