Restricións de tráfico e cambios nas paradas de autobús polas obras de asfaltado en Pontevedra
Conta cun orzamento de algo máis de catro millóns douscentos mil euros, e o Concello conta con completalo antes de que finalice novembro
Atención se van circular por Pontevedra. Este martes comezaron as obras de asfaltado na contorna da praza de Galicia, con restricións de tráfico e cambios nas paradas de autobús.
A modificación máis significativa para os usuarios será a supresión temporal da parada de autobús da praza de Galicia, en que aínda agardaban algúns usuarios despistados malia os carteis na propia parada informando do peche, que se extenderá desde este martes ata o próximo 4 de setembro. Os servizos desta parada, da que saen varias liñas do bus urbano de Pontevedra, trasladaranse á parada da avenida María Victoria Moreno, situada ao pé dos edificios administrativos da Xunta de Galicia na cidade.
A rehabilitación da contorna da praza de Galicia forma parte do macrocontrato municipal para o asfaltado e mellora de firmes, que supón a intervención de cerca de 40 quilómetros de vías públicas do centro urbán, dos barrios e da zona periurbana. Cun orzamento de algo máis de catro millóns douscentos mil euros o concello conta con completalo antes de que finalice novembro.