Rouban corenta cristos das tumbas do cemiterio de San Breixo en Celanova
Coidan que os ladróns aproveitaron a noite para roubar en tumbas espalladas por todo o camposanto
É o terceiro roubo destas características na comarca de Celanova nos últimos días, o quinto na provincia de Ourense
"Cando pasei por aquí vin tres cruces arrimadas a esa escultura e xa me estrañei, dixen isto non é unha cousa normal. E ao chegar á casa no telexornal da Galega estaban dicindo que estaban roubando por aquí. Chamei a Policía Local e xa viñeron".
Deste xeito decatáronse do que acontecera. En realidade non eran tres, senón case corenta os cristos roubados das tumbas. Esta mañá eran moitos os veciños que se achegaban a comprobar os danos.
"Parece que téndoo ben eles tamén están ben, e de repente que che quiten todo de aí, pero a que ben iso, meu Deus?". "É unha propiedade que gusta tela ben e que desapareza así da noite para a mañá pois é moi triste".
O enfado e a tristura son hoxe o sentir xeral entre a veciñanza.
"Un queda frío porque isto había que ter un respecto, a culpa tena quen o rouba e quen o compra". "Para min é máis ca unha falta de respecto, iso é unha cousa horrible".
O valor económico do roubado está por cuantificar. Din que os realmente valiosos son os de bronce, pero non os que máis abundan, precisamente polo seu prezo.
"Hai xente que utiliza calaminas e outro tipo de materiais que a fin son lacados, son un pouco de menor calidade, pero hai un pouco de todo". "De bronce coido que debe de haber moi poucos ou ningún, porque o mellor un de bronce bo ándache preto de 600 euros e non creo que haxa moita clientela que teña un cristo de bronce dese valor".
Con este xa son tres os cemiterios asaltados nos últimos días na comarca de Celanova: este de San Breixo, coñecido como San Verísimo, o de Santa María de Fechas e o de Casariño.
"Ao final estamos todos moi preocupados, é unha situación que non sabemos ata onde pode chegar, sempre pode ir a máis. Temos moitos cemiterios, temos moitas parroquias e todos o comentamos e claro, estamos moi preocupados", explica Miguel Rodríguez, párroco de Celanova.
Os ladróns deixaron a súa pegada tamén estes días no camposanto das Marabillas en Cartelle e no de Santo Eusebio da Peroxa. En total levaron máis de setenta cristos de todos os cemiterios.