Publicador de contidos

Publicador de contidos

Localizan no mar o cadáver do estudante dos Estados Unidos desaparecido en Barcelona

Localizan no mar o cadáver do estudante dos Estados Unidos desaparecido en Barcelona

Tiña 20 anos e estaba desaparecido desde a madrugada do martes tras saí dunha discoteca da Vila Olímpica 

EFE/Quique García EFE/Quique García
G24.gal 19/03/2026 19:49

Os Mossos d'Esquadra localizaron no mar o corpo sen vida do estudante estadounidense de 20 anos desparecido a madrugada do pasado martes 17 de marzo tras saír dunha discoteca da Vila Olímpica de Barcelona.

O cadáver do mozo James Gracey foi achado na zona da praia do Somorrostro, onde durante toda a mañá deste xoves efectivos das unidades marítimas e subacuáticas dos Mossos d'Esquadra despregaran un amplo dispositivo para a súa localización.

O mozo desaparecido acudira á discoteca Shöko de Barcelona, na Vila Olímpica, xunto a uns amigos a noite do pasado martes 17 de marzo, pero non regresou ao seu aloxamento, polo que a súa contorna denunciou a súa desaparición ante os Mossos d'Esquadra.

Aínda que se rastrexou durante esta xornada toda a zona próxima ao lugar onde foi visto por última vez, a liña principal centrouse no mar despois de que os axentes do corpo achasen a súa carteira na auga, preto do Porto Olímpico de Barcelona. Desta maneira, nas últimas horas intensificaran a súa busca no mar, coa incorporación dun helicóptero para supervisar desde o aire calquera rastro deste estudante norteamericano.

Finalmente, os mergulladores acharon a última hora desta tarde o corpo sen vida do mozo na praia de Somorrostro, onde se sitúa a discoteca á que acudira cos seus amigos a noite do martes.

O mozo norteamericano era un estudante da Universidade de Alabama que viaxara a Barcelona para pasar as súas vacacións de primavera ou 'spring break' e visitar a uns amigos que residen na capital catalá nun intercambio de estudos.

Tras o achado do cadáver, os forenses procederán agora á súa identificación oficial e determinarán as causas do seu falecemento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade