Aparece morto nunha casa de Narón un home con síndrome de Dióxenes
Os primeiros indicios suxiren que a morte se produciu por causas naturais
Ducias de obxectos ocupan a entrada desta vivenda da rúa Cerrallón de Arriba, de Narón, onde un home duns 55 anos que padecía síndrome de Dióxenes foi atopado sen vida na tarde deste domingo.
O falecido era un ocupa que levaba vivindo no inmoble uns 5 anos.
"Eu non sei se o fixo noutros sitios, pero aquí non o fixo, non fixo dano e levábase ben cos veciños"
"Relacionábase moito con persoas non de moito agrado para outras, e víñano buscar todas as noites". "Él en si era unha persoa moi tranquila, non tiñamos problema con él, era unha persoa moi simpática".
Foi un coñecido do falecido quen deu o aviso aos servizos de emerxencias despois de tres días sen saber nada del. Os veciños tamén empezaron a notar a súa ausencia nas últimas xornadas, pois deixárano de ver e non escoitaban ningún ruído procedente da vivenda.
"Dende o meu cuarto sentíase a radio, bastante altiña, pero vaia, tampouco era... E agora había uns días que eu non sentía a radio".
Á chamada de emerxencias acudiron a Policía Local e os bombeiros de Narón, que tiveron que retirar unha gran cantidade de obxectos acumulados no interior do inmoble para poder acceder. Unha vez levaron a cabo o levantamento do corpo, clausuraron a vivenda.
"Debido a ser unha persoa que tiña, que padecía a síndrome de Dióxenes, houbo que realizar labores de limpeza, ir afastando todo o lixo que había polo medio, non" "Ao finalizar a intervención procedeuse a pechar o acceso á vivenda e deixar as chaves en custodia da Policía Local".
Os primeiros indicios suxiren que o home podería levar uns dous días morto no momento da intervención e que a morte se produciu por causas naturais. Con todo, a Policía Nacional continúa investigando para esclarecer o acontecido.