Publicador de contidos

Publicador de contidos

Cae unha banda que roubaba en casas na contorna de Pontevedra

Cae unha banda que roubaba en casas na contorna de Pontevedra

Os catro detidos xa pasaron á disposición xudicial en Pontevedra

 

G24.gal 30/01/2026 14:04

Traballan rápido, de maneira organizada e sen apenas deixar pegadas.

"A persiana do baño estaba levantada e a contra rompida".

"Deixan todo tirado, todo aberto... non lles queda nada sen abrir, sobres e todo, pero ao mesmo tempo, ves que actúan moi rápido", contan nai e filla, vítimas dun asalto.

Mesmo método noutra vivenda non moi lonxe. Todo apunta a profesionais, que vixían o seu obxectivo durante días. Saben cando entrar, e no rural téñeno especialmente fácil. 

"Sempre aproveitan estes sitios máis retirados, nos que as casas están máis afastadas unhas doutras. Esta xente está preparada e vixíate. Saben quen está, quen non está", confirma a veciña doutras vítimas.

"Como na casa do lado non vive ninguén, foi a zona máis sinxela, e coa terraza non tiveron nin que saltar. Subiron pola terraza e accederon facilmente á ventá do baño", engade a moza.

Tiran con todo en busca de cartos e xoias. Non lles interesa nada máis.

"Eu teño un ordenador e tiña medo porque traballo con menores e teño informes e estaba o ordenador e enriba as miñas lentes, e levou só as lentes. Tamén temos nun cuarto un ordenador grande de torre e tampouco o levaron. Viñan por cartos rápidos e fáciles que había á vista e por xoias. Ouro", confirma a filla da familia asaltada.

A banda que caeu en Vigo actuaba nas Rías Baixas e, en xeral, por toda a contorna de Pontevedra. Hai catro detidos, un deles fóra da provincia. 

Aínda non se sabe se tamén son os responsables destes roubos na zona de Marcón e Tomeza, onde levan xa uns meses de susto en susto.

"Hai unha casa aquí que é duns veciños que viven no País Vasco e cando chegaron para pasar uns días, atoparon a casa toda desfeita. Entráranlle por unha xanela. 

"Na mesma semana dous en Tomeza, que está aquí abaixo, e outro en Bértoa".

En xeral, non foron botíns grandes, pero o susto, o desgusto e a sensación de inseguridade lévana ao lombo.

"Colles medo e o que están facendo é por alarmas, que tamén é un pouco de negocio... estes días  por aquí puxeron varias".

Os catro detidos pasaron á disposición xudicial en Pontevedra.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade