Tensión no centro de Santiago: un home ameazou e perseguiu cun coitelo os viandantes
Un repartidor logrou reducilo antes da chegada da policía, que procedeu á súa detención
Tremendo susto o que levaron esta mañá veciños e turistas nunha céntrica praza da zona vella de Santiago. A policía detivo un home, que tras discutir con outro, acabou ameazando cun coitelo a todo o que pasaba por alí.
Ocorreu na Praza do Toural. Todo comezou coa discusión de varias persoas. De súpeto un dos implicados sacou un coitelo e púxose a ameazar de xeito indiscriminado a todas as persoas que pasaban pola zona.
A cousa non foi a máis grazas á intervención dun repartidor, que conseguiu reducilo antes de que chegasen a Policía Nacional e a Local, que finalmente procederon á súa detención.
Os veciños quéixanse de que non é a primeira vez que se rexistran nesta zona sucesos semellantes, xa que é un lugar que adoitan frecuentar persoas con adición ás drogas que, en ocasións, acaban provocando liortas.