O Tribunal Constitucional avala por unanimidade a reforma laboral de 2021
Desestima así o recurso de inconstitucionalidade interposto polo grupo parlamentario Vox
O Goberno celebrando a aprobación da reforma laboral en 2021
O pleno do Tribunal Constitucional desestimou por unanimidade o recurso de inconstitucionalidade interposto por máis de cincuenta deputados do grupo parlamentario Vox contra o Decreto Lei de 28 de decembro de 2021, de medidas urxentes para a reforma laboral.
O recurso, que se desestimou "no esencial e practicamente na súa integridade", dirixíase contra a totalidade do decreto lei alegando que se ditara sen a concorrencia dunha situación de extraordinaria e urxente necesidade que avalase a utilización dese instrumento normativo, ao tempo que se sostiña que a norma infrinxía os límites materiais da lexislación de urxencia.
Alegábase tamén unha infracción no seu procedemento parlamentario de convalidación, por non permitir que un deputado do grupo parlamentario popular (Alberto Casero) rectificase o seu voto emitido telematicamente.
O Constitucional conclúe que o Goberno contemplou de maneira explícita e motivada cal era o presuposto que daba sustento á aprobación do decreto lei no seu conxunto, e que derivaba da necesidade de aprobar medidas estruturais sobre o mercado de traballo no contexto da crise provocada pola covid.
A sentenza descarta tamén que o contido da lei contraviñese o límite material previsto na Constitución para a lexislación de urxencia, en canto a que esta non pode afectar os dereitos, deberes e liberdades dos cidadáns regulados no seu Título Primeiro.
En particular, a sentenza estima que as medidas contidas na norma relativas ás distintas modalidades de contratación, á xeneralización do contrato indefinido limitando a súa temporalidade, á prioridade aplicativa dos distintos tipos de convenios, ou á vixencia e ultraactividade destes, non inciden nos elementos esenciais do dereito ao traballo e do dereito á negociación colectiva.