Aos europarlamentarios danlles gato por lebre
Confunden o polbo á feira cun combinado de cachelos, brócoli e aneis de lura sazonados con pemento doce
A idea de ofertar aos eurodeputados pratos típicos da gastronomía das diferentes rexións da Unión Europea non estaría nada mal sempre e cando non fose un insulto para o prato orixinal. E é que este anuncio nada ten que ver co que realmente dan a degustar. A alguén lle parece isto polbo á feira?
"Nooon". "Eu nunca vin ese tipo de polbo". "Está moi distante diso". "Iso son luras". "Estannos enganando, non é polbo á feira, son luras, pota ou algo diso, pero polbo non", comentan os veciños de Melide
O único que os asemella é que os dous son cefalópodos, animais mariños invertebrados, moi coñecidos pola súa intelixencia e cunha gran capacidade de camuflaxe, pero no mar, non no prato.
"En algo aseméllase, pero nada que ver, nin na cor, nin na forma, nin no sabor, en tamaño. Non ten nada, nada que ver". "É unha auténtica aberración porque non ten lóxica. Un polbo, penso que todo o mundo sabe como é un polbo".
Foi un parlamentario galego quen compartiu nas súas redes esta confusión tirando de retranca da terra. Aquí non sentou tan ben.
"A min paréceme fatal, porque nun sitio onde teoricamente é o órgano de representación de máis de 500 millóns de persoas poñan ese prato en representación de Galicia, cando o prato tradicional galego non ten nada que ver con iso e, vaia, é un atentado contra Galicia e a súa identidade, contra a súa forma de ser e contra a súa gastronomía".