O sector agrario mobilízase contra Mercosur e os recortes na PAC
En Galicia houbo protestas de agricultores e gandeiros en Santiago e Lugo
Agricultores protestando na tractorada de Lugo (EFE)
"Non ao Mercosur", berran os manifestantes.
É o berro que se repetiu en máis de 30 cidades de toda España. Esta de Lugo foi a protesta máis numerosa do campo galego.
"Xa estamos nun momento complicado e con estas cousas acaban por complicalo máis", di un apicultor.
Arredor de 60 tractores rodearon a muralla e colapsaron o tráfico na cidade. Protestan polo acordo comercial con Mercosur malia que o Parlamento Europeo decidiu paralizalo á espera do ditame do Tribunal de Xustiza.
"Nas altas instancias europeas din que o queren botar a funcionar de xeito provisional. Explica a Presidenta de Agromuralla, Noelia Rodríguez.
Desde o sector tamén denuncian os recortes na Política Agraria Común que está previsto aplicar a partir de 2027.
"Ameazan cunha baixada dun 20 % do presuposto da nova PAC", di Santi Rego, presidente de Gandeiros Galegos da Suprema.
En Santiago a protesta puxo o foco nos consumidores. Din que van ser outro dos colectivos prexudicados pola que consideran unha competencia desleal doutros países.
"Cremos que coa entrada de produtos de fóra imos ter competencia desleal", asegura María Ferreira, Secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego.
No resto de España houbo unha trintena de mobilizacións en cidades como Bilbao, Vitoria ou Burgos. Caravanas de tractores e cortes en estradas e autovías en demanda de medidas que garantan o futuro do sector agrario.