Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia non improvisa, por María Bastida

OPINIÓN

Galicia non improvisa, por María Bastida

Protesta de gandeiros e agricultores en Lugo en contra do tratado entre a Unión Europea e Mercosur, este mes de xaneiro
G24.gal 27/01/2026 08:31

O sector primario galego non lles teme ao comercio internacional nin á competencia. O que coñece demasiado ben é quen termina pagando as facturas cando os procesos de apertura se producen en condicións asimétricas. Desde aí parte o paquete de medidas anunciado polo Goberno galego, do convencemento de que a competencia só funciona se as regras son equivalentes. Como se concreta? Garantindo que calquera produto agroalimentario que entre en Galicia cumpra os mesmos requisitos sanitarios, ambientais e de rastrexabilidade que se esixen aos produtores locais.

A creación dun Observatorio de Prezos e a despregadura dun plan específico de control de produtos importados apuntan directamente a ese problema de fondo. O seu obxectivo é evitar distorsións que acaben trasladando toda a presión de prezos a agricultores e gandeiros. O seguimento sistemático do mercado, combinado con controis efectivos, permite anticipar tensións e actuar con datos, non con percepcións.

Pero a estratexia da Xunta non se esgota na vixilancia. Inclúe tamén un reforzo da promoción do produto galego, o apoio ás cadeas curtas de distribución e unha aposta clara pola diferenciación baseada en calidade, orixe e certificación. Competir só por prezo é unha mala estratexia; competir por valor engadido é unha vía realista para territorios como Galicia.

Desde o punto de vista institucional, resulta especialmente relevante reclamar que o acordo non se active de forma provisional sen ter plenamente blindadas as salvagardas previstas. O sector primario non pode asumir o risco de que os mecanismos de protección se deseñen ou se corrixan unha vez producido o impacto. A iso súmase a articulación dunha posición común coas organizacións agrarias e con outras comunidades autónomas, recuperando algo tan necesario como esquecido: unha visión de país sobre o papel do sector primario no modelo económico europeo.

En conxunto, a resposta articula unha intervención sobre distintos puntos da cadea de valor -control, mercado e prezos-, algo pouco habitual e acertado en termos de política pública. Ao mesmo tempo, a formulación cumpre varias funcións de forma simultánea. Tranquiliza o sector ao ofrecer instrumentos concretos de seguimento e control, marca un perfil propio ante o Goberno central ao fixar liñas claras sobre salvagardas e reciprocidade e gaña marxe mentres se clarifica o encaixe xurídico do acordo e os seus mecanismos de protección. Desde o punto de vista estratéxico, resulta difícil articular unha resposta con maior coherencia.

En síntese, ante un cambio de escenario, Galicia opta por unha resposta deseñada para reducir incerteza, gañar tempo e preservar capacidade de adaptación.

​​​​​

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade