Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os médicos volven á folga esta semana, sen horizonte de acordo co Ministerio

Os médicos volven á folga esta semana, sen horizonte de acordo co Ministerio

Reclaman un estatuto marco propio que regule as particularidades da profesión médica, independente do resto do persoal sanitario

A ministra de Sanidade considera que "algunhas das motivacións" que manteñen a folga de médicos "teñen que ver con motivacións políticas" máis que con reivindicacións profesionais do ámbito

Protesta médica en Vigo (Europa Press)
G24.gal 16/03/2026 09:48 Última actualización 16/03/2026 14:34

A segunda semana de folga de médicos comeza este luns co diálogo roto entre o Ministerio de Sanidade e os seis sindicatos convocantes, que reclaman un estatuto marco propio que regule as particularidades da profesión médica, independente do resto do persoal sanitario.

A mobilización está convocada pola Confederación Española de Sindicatos Médicos (CESM); Sindicato Médico Andaluz (SMA); Metges de Catalunya (MC); Asociación de Médicos e Titulados Superiores de Madrid (AMYTS); Sindicato Médico de Euskadi (SME) e Sindicato de Facultativos de Galicia Independentes (O’Mega), desenvólvese unha semana ao mes e inclúe concentracións e manifestacións fronte a hospitais e centros de saúde.

En Madrid, haberá concentración todos os días fronte ao Ministerio de Sanidade. Tamén houbo oncentración fronte ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e no Hospital de Txagorritxu, en Vitoria-Gasteiz. En Barcelona, a manifestación está organizada o venres desde o Hospital do Mar ata o Parlament.

Segundo os datos facilitados polo Servizo Galego de Saúde, esta nova xornada de mobilizacións alcanzou un seguimento do 21,6 % no ámbito hospitalario e do 4,4 % nos centros de saúde e puntos de atención continuada; cifras moi similares ás de anteriores xornadas. Son porcentaxes que difiren moito dos trasladados por O'Mega, que eleva a participación nesta folga ao 82 % nos hospitais e entre o 60 e o 70 por cento na atención primaria, á espera de ter os datos definitivos.

Sindicato e administración calculan de maneira diferente o nivel de participantes nestes paros, xa que o Sergas inclúe no cómputo aos traballadores que se achan prestando servizos mínimos ou en días libres.

Tras a primeira semana de folga desenvolvida a mediados de febreiro, esta segunda fase comeza tras unha escalada de reproches nos últimos días entre a ministra, Mónica García, e o Comité de Folga.

A ministra de Sanidade considerou este luns que "algunhas das motivacións" que manteñen a folga de médicos esta segunda semana para protestar pola reforma do estatuto marco, "teñen que ver con motivacións políticas" máis que con reivindicacións profesionais do ámbito.

"Igual algunhas das motivacións teñen que ver con motivacións políticas máis que con motivacións realmente de representar aos profesionais sanitarios que están lexitimamente reivindicando unha serie de melloras que xa están plasmadas no estatuto marco", afirmou García en declaracións aos medios.

O obxectivo principal da mobilización é reclamar un estatuto marco propio que recolla as particularidades da profesión médica, independente do resto do persoal sanitario, ademais doutras reivindicacións laborais, como a voluntariedade das gardas, que computen para a xubilación, unha nova clasificación profesional específica e unha interlocución laboral directa.

Pero o Ministerio de Sanidade defende as melloras laborais da súa proposta, entre elas, que limita a xornada a 45 horas semanais e reduce as gardas de 24 a 17 horas, e insiste en que o novo estatuto recolle un capítulo dedicado á profesión médica.

Ademais, engade que chegou a un acordo co Foro da Profesión Médica -que negan os sindicatos- que complementa o texto con outras iniciativas, como o inicio da reforma a Lei de Ordenación das Profesións Sanitarias (LOPS), a implantación de mesas técnicas baixo o paraugas do Estatuto Básico do Empregado Público, e o estudo da xubilación anticipada para os casos que poidan quedar recollidas pola normativa da Seguridade Social.

O estatuto marco é unha lei básica estatal que data de 2003, e tras unhas longas negociacións o Ministerio de Sanidade acordou a súa reforma o pasado mes de xaneiro cos sindicatos xeneralistas (SATSE-FSES, CC. OO., UXT e CSIF), que agora ten que pasar o trámite parlamentario como proxecto de lei.

O pasado venres, Mónica García acusou nunha carta aos sindicatos médicos de "romper o principio de boa fe e o propósito de diálogo" para seguir "sen marxe de negociación".

Pero o Comité de Folga respondía que o Ministerio busca "deslexitimar" as súas demandas e "fomentar" a división entre os profesionais sanitarios. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade