O ensino público encara a folga deste martes coa garantía de apertura dos centros
O decreto de servizos mínimos salvagarda a seguridade e custodia dos alumnos menores
O Sindicato de Estudantes anunciou que se adhería á folga convocada polas centrais CIG e STEG
A Xunta de Galicia fixou, nunha orde publicada este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG), os servizos mínimos para a folga de profesorado convocada polos sindicatos CIG e STEG para este martes, e que terán que garantir a apertura e o peche dos centros educativos públicos, así como a seguridade e custodia dos alumnos menores de idade no seu horario habitual.
Así, a folga afectará o persoal docente dos centros educativos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, á que anunciou que se sumaba o Sindicato de Estudantes, e desenvolverase desde as 00:00 do día 28 ata as 24:00 horas.
Nesta liña, a Consellería sinala no DOG a necesidade de conciliar o dereito á folga coa protección integral dos menores, asegurando funcións de vixilancia que forman parte do dereito esencial á educación. Para dar cumprimento a estes servizos, a orde fixa a presenza obrigatoria nos centros do director ou dun membro do equipo directivo.
No entanto, nos centros que conten con menos de seis unidades, o titular da dirección poderá ser substituído por un membro do equipo docente.
A Xunta sinala que os directivos están capacitados para resolver calquera incidencia relacionada tanto coa seguridade dos menores como co conxunto dos bens que integran o centro docente.
A designación nominal dos profesionais que cubrirán estes servizos mínimos recaerá na dirección de cada centro e deberá facerse pública no taboleiro de anuncios dos centros afectados. Así mesmo, a orde advirte que o incumprimento da obrigación de atender estes servizos mínimos será sancionado conforme a normativa vixente.
Reivindicacións
Trátase da sexta xornada de folga convocada desde o inicio deste curso lectivo, en concreto, CIG-Ensino e STEG convocaron cinco xornadas durante o primeiro trimestre, a primeira delas o 25 de setembro, seguida de dúas convocatorias o martes 28 e o mércores 29.
En concreto, a CIG lembrou que os obxectivos desta xornada pasan pola recuperación das 21 e 18 horas que tiña o profesorado galego en 2010 e "a fin da discriminación nos centros integrados e escolas artísticas"; así como a baixada de cocientes en todas as etapas educativas desde o próximo curso; unha maior dotación de persoal para atender a diversidade; un plan "real" para reducir a burocracia.
Ademais, avances retributivos no complemento autonómico para todo o profesorado; equiparación salarial do PESSFP e recuperación do pago do verán ao persoal substituto que traballe cinco meses e medio; redución da xornada lectiva a partir dos 55 anos e recuperación das licenzas por formación retribuídas.
"Os obxectivos seguen sendo os mesmos que cando o 13 de setembro comezamos coa primeira manifestación á que lle seguiron cinco xornadas de folga no primeiro trimestre, marchas fúnebres polo ensino público e a escenificación do seu enterro en decembro coincidindo coa aprobación dos orzamentos da Xunta", destacou Arroxo.
O profesorado galego está chamado a participar tamén este martes nunha manifestación que sairá ás 12.00 horas da Alameda compostelá e que terminará fronte á sede da Xunta en Santiago.