A folga de médicos retómase con maor seguimento nos hospitais
A protesta vaise prolongar durante toda a semana
Os representantes dos médicos esíxenlle ao Goberno central un estatuto marco específico para súa profesión e á Xunta de Galicia negociar un convenio propio
Protesta ás portas do Hospital Lucus Augusti (EFE/Eliseo Trigo)
A folga convocada por varios sindicatos médicos contra a reforma do estatuto marco impulsada polo Goberno central renovouse este luns en Galicia cunha nova xornada en que a participación volveu a ser maior no ámbito hospitalario que nos servizos de atención primaria.
Así, de acordo cos datos facilitados pola Xunta, o seguimento desta convocatoria, que se prolongará durante toda a semana, foi do 16,4 % no cómputo da sanidade pública galega, cun 21,8 % de participación na atención hospitalaria e apenas un 2,4 % en centros de saúde e puntos de atención continuada.
Con todo, O'Mega, o sindicato convocador destas mobilizacións en Galicia, eleva a participación ata un 84 % nos hospitais e arredor dun 25 % na Atención Primaria.
As diferenzas entre as cifras achegadas por estas fontes veñen dadas porque a Xunta realiza os seus cálculos sobre o número total de facultativos do sistema e inclúe aos que prestan servizos mínimos sen opción de subscribir a folga; mentres que a organización médica só ten en conta a aqueles que non foron designados para estes efectos.
En todo caso, ambas as partes admiten un importante efecto da protesta na actividade ordinaria do sistema.
A maior mobilización, en Vigo
A participación na folga de facultativos foi maior nos hospitais das sete cidades galegas, onde alcanzou o 22,6 %, que nos comarcais, onde quedou no 14,1 %; o que leva a que o maior seguimento se alcanzase en Vigo, un 27,2 %, e o menor en Cee, un 6,8 %.
En Atención Primaria, por áreas sanitarias, a de maior mobilización foi tamén a de Vigo, que chegou ao 5,2 %, mentres que na da Coruña e Cee, a cifra quedou no 0,3 %, de acordo cos datos do Executivo autonómico.
Reclamacións para Xunta e Goberno
Nun comunicado, O'Mega remarca que o obxectivo desta protesta é tanto esixir ao Ministerio de Sanidade a creación dun estatuto marco propio para a profesión médica como reclamarlle á Xunta de Galicia a apertura dunha negociación para poder contar cun convenio propio.
Esta nova semana de protestas ten lugar despois de que fracase o novo intento de negociacións co Ministerio de Sanidade para mellorar as condicións desta profesión e tras o acordo alcanzado no mes de xaneiro por este departamento do Executivo estatal cos sindicatos de clase, excepto CIG-Saúde, para a reforma do estatuto marco.
Precisamente CIG-Saúde convocou a semana pasada unha xornada de folga de todas as categorías profesionais nos servizos de atención primaria en Galicia para protestar contra a xestión que a Xunta fai deste nivel asistencial e esixir melloras laborais e organizativas.