Publicador de contidos

Publicador de contidos

Von der Leyen matiza agora que a UE "sempre respectará o dereito internacional"

Von der Leyen matiza agora que a UE "sempre respectará o dereito internacional"

A presidenta da Comisión Europea sae ao paso das críticas logo de que o luns asegurase que "Europa xa non pode ser a gardiá da orde do vello mundo"

Ursula von der Leyen este mércores no Parlamento Europeo (Reuters) Ursula von der Leyen este mércores no Parlamento Europeo (Reuters)
G24.gal 11/03/2026 09:51 Última actualización 11/03/2026 11:18

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, asegurou este mércores que a Unión Europea "sempre defenderá" os principios de Nacións Unidas e do dereito internacional, e recalcou que o bloque comunitario "se fundou como un proxecto de paz".

As palabras de Von der Leyen chegan logo da escalada de críticas tras un discurso deste luns no que asegurara que "Europa xa non pode ser a gardiá da orde do vello mundo, dun mundo que desapareceu e que non volverá", e que a UE xa non só pode depender do "sistema baseado en normas" para defender os seus intereses.

Así, este mércores, ante o pleno do Parlamento Europeo a presidenta da CE volvía sobre as súas palabras e facía esa referencia á defensa do dereito internacional: "Ver como está o mundo non reduce a nosa determinación para loitar polo mundo que queremos. A UE fundouse como un proxecto de paz. O noso compromiso inquebrantable pola paz, os principios da Carta de Nacións Unidas e o dereito internacional son tan centrais hoxe como o foron na nosa creación. Sempre defenderemos estes principios".

Von der Leyen reiterou que "ninguén debe derramar nin unha bágoa" pola caída dun réxime iraniano que encarcera e tortura aos seus cidadáns, patrocina actos terroristas na súa rexión e en chan europeo e deu un apoio fundamental a Rusia na súa invasión de Ucraína.

"Moitos iranianos celebraron a caída de (o aiatolá Alí) Khameneí. Esperan que este momento poida abrir un camiño cara a un Irán libre. Isto é o que se merece o pobo iraniano: liberdade, dignidade e o dereito para decidir o seu propio futuro", afirmou Von der Leyen. 

Esta por ver agora se a matización deste mércores acalma os ánimos entre os socios comunitarios e o Goberndo da UE. O seu discurso do luns provocara a réplica do Goberno español, da vicepresidenta da Comisión Europea Teresa Ribera e do presidente do Consello Europeo, António Costa, entre outros, que reclamaron unha defensa máis pechada da orde baseada nos principios de Nacións Unidas creado tras a Segunda Guerra Mundial.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade