Fabiola García agradécelles aos galegos do Uruguai o esforzo por "manter vivos" os vínculos con Galicia
Fabiola García agradécelles aos galegos do Uruguai o esforzo por "manter vivos" os vínculos con Galicia
A conselleira de Política Social amosouse "satisfeita" polo recoñecemento que reciben as medidas da Xunta en materia de maiores por expertos no sector sénior na América Latina
A conselleira de Política Social aproveitou o último día da súa viaxe no Uruguai para reunirse cos maiores galegos do centro residencial Hogar Español de Montevideo. Alí, destacou o labor e o traballo de toda a comunidade galega para "manter vivos os vínculos e os lazos co territorio".
Así o manifestou nun almorzo coas familias en que estivo acompañada da delegada da Xunta neste país, Elvira Domínguez, segundo recolle o departamento autonómico.
García trasladou o agradecemento de toda a Xunta por ser "os mellores embaixadores no país da nosa comunidade".
Ao mesmo tempo, lembroulles que "Galicia segue sendo a súa casa". Tamén lles detallou algunhas das medidas que está a desenvolver a Xunta na atención aos maiores e no fomento da conciliación familiar.
Alén deste encontro, a conselleira achegouse ao Centro Galego Pontevedrés, un dos máis representativos da colectividade no Uruguai, e onde foi invitada a participar na tradicional cea semanal que organizan os seus socios e a asinar no libro de honra desta comunidade.
Nesta segunda xornada, continuou a rolda de contactos con expertos do sector sénior. En concreto, reuniuse co presidente da Fundación Astur, Enrique Iglesias, ao que lle presentou as medidas da Xunta para potenciar o envellecemento activo e a participación social e activa dos maiores.
Na reunión, a conselleira reivindicou o compromiso do Goberno galego cunha "atención de calidade" aos maiores, co impulso de medidas específicas da man do sector asociativo, tal e como recolle o departamento. Neste sentido, García lembrou que puxo en marcha en 2025 dúas estratexias "pioneiras" para combater a soidade non desexada e o idadismo, que se dá principalmente entre as persoas maiores.
Así, mostrouse "satisfeita" polo recoñecemento que están a recibir as medidas da Xunta en materia de maiores por expertos como Enrique Iglesias, un referente do sector sénior e a promoción do envellecemento activo na América Latina. Deste xeito, lembrou que "é un orgullo para todo o Goberno galego ver a boa acollida destas iniciativas".