Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rodríguez Miranda: "O importante é manter a axuda a Venezuela ao longo do tempo"

Rodríguez Miranda: "O importante é manter a axuda a Venezuela ao longo do tempo"

O secretario xeral de Emigración afirma que xa están operando as axudas da Xunta para atender os afectados por emerxencias ou catástrofes naturais

Recoñece que a colectividade galega en Venezuela está "impactada" tras o dobre terremoto, e descoñece en que situación están os galegos desaparecidos 

 

O secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, este martes nunha entrevista no 'Bos días'
G24.gal 30/06/2026 10:55

"A nosa xente está impactada e moi intranquila", porque a terra segue tremendo. Así o recoñece o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, tras conversar por videoconferencia coa colectividade galega en Venezuela.

Nunha entrevista no Bos días da TVG, Rodríguez Miranda explica que a situación é dramática e que aínda non sabe "en que situación están" os galegos que continúan desaparecidos.

O responsable de Emigración do Goberno galego asegura que se está facendo un traballo "excepcional" desde Galicia para axudar os damnificados polo dobre tremor. "Necesítanse medios, maquinaria -explica-, porque hai edificios de vinte andares que colapsaron por completo e debaixo debe de haber aínda moitas persoas".

A solidariedade con Venezuela disparouse en Galicia

Antonio Rodríguez Miranda recoñece que a solidariedade "se disparou" en Galicia, pero que o importante agora é avaliar as necesidades dos afectados pola catástrofe e manter as axudas no tempo.

"Os centros galegos e españoles agrupados na Federación non dan case recollido toda a axuda que lles chega. O importante non é mandar hoxe, senón prepararse para manter esa axuda ao longo do tempo".

Rodríguez Miranda explica que a Xunta conta con axudas para emerxencias ou catástrofes naturais "que xa están operando". O Goberno galego dispón dunha rede de asistencia social para axudar as familias que quedaron sen casa e darlles acompañamento.

Ademais, están avaliando realizar colaboracións directas coa Hermandad de Venuezuela. O importante, afirma, é ir preparándose e manter a axuda no tempo, xa que dentro duns meses probablemente xa ninguén recorde o alcance desta traxedia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade