Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha fuga de CO2 nun depósito de Avigal mobiliza os servizos de emerxencia en Pontevedra

Unha fuga de CO2 nun depósito de Avigal mobiliza os servizos de emerxencia en Pontevedra

As primeiras estimacións apuntan a que se perdeu entre un 5 % e un 10 % do seu contido como consecuencia da rotura

G24.gal 26/11/2026 12:22

Unha rotura nunha válvula dun depósito de dióxido de carbono (CO2) provocou este mércores pola tarde unha fuga de gas nas instalacións de Avigal, situadas na parroquia de Campañó, en Pontevedra, o que obrigou a mobilizar os servizos de emerxencia.

Segundo informou o Concello de Pontevedra, o incidente produciuse arredor das 19:20 horas e motivou a intervención do 112 Galicia e da Policía Local ante o risco de que a nube de gas chegase á estrada autonómica PO-531, que comunica a capital da provincia con Vilagarcía de Arousa.

A avaría afectou un depósito con capacidade para 20.000 litros que almacenaba CO2 en estado líquido. As primeiras estimacións apuntan a que se perdeu entre un 5 % e un 10 % do seu contido como consecuencia da rotura.

O gas comezou a estenderse pola explanada das instalacións e a nube chegou a achegarse á estrada.

Durante a intervención, pecháronse as válvulas do depósito e realizáronse medicións cun multidetector para comprobar a concentración de dióxido de carbono no contorno e avaliar a situación.

Unha vez controlada a fuga, o persoal da empresa responsable das instalacións permaneceu no lugar para facerse cargo da incidencia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade