Docentes e directivos dos Centros Galegos veñen a Galicia a actualizar coñecementos de baile, música, idioma e gastronomía
Docentes e directivos dos Centros Galegos veñen a Galicia a actualizar coñecementos de baile, música, idioma e gastronomía
Polas Escolas Abertas pasaron en 35 anos máis de 2.000 descendentes de galegos en varios países do mundo
Veñen a aprender música tradicional, baile galego, a coñecer paisaxes e a degustar as mellores receitas da nosa cociña, para despois transmitir eses coñecementos por centros galegos de todo o mundo.
Desde que as Escolas Abertas comezaron nos anos 80, xa pasaron por aquí 2.000 fillos e netos de galegos que buscan o contacto coa cultura e a tradición para despois ensinala nos centros galegos.
"Queremos que vexan os novos tempos, que se actualicen, que estean refrescados e que se acheguen á cultura galega a través da musica, do canto, do idioma e mesmo da cociña", explica Jonathan Ferreira, Coordinador das Escolas Abertas.
Porque os anfitrións son os do Centro Superior de Hostalería de Galicia.
"E que desde aquí poidan coñecer Galicia e transmitir, no lugar de onde veñen, os valores que ten como destino turístico", dixo José Manuel Merelles, o Director de Turismo de Galicia.
"De dez países diferentes de América latina, de Europa pero tamén de España, onde temos centros galegos en moitas cidades. Esta xente fai un traballo extraordinario, porque expande en rede a nosa cultura e valores", concretou José González, o Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración.
"A nosa conexión con Galicia témola desde nenos, cando os pais ou os avós nos transmitiron a súa experiencia, que foi dura porque foron migrantes", lembrou Diego Anín, alumnos das Escolas Abertas e directivo do Centro Cultural da Estrada en Bos Aires.
Na inauguración tamén os informaron dos programas de retorno que facilitan a volta duns 8.000 descendentes de galegos ao ano.