Un ribeiro, cento por cento treixadura, criado en ánforas de granito
Dous irmáns de Leiro puxeron en marcha o proxecto empregando pedra do seu propio viñedo
Buscaban un produto diferenciado do que sacaron ao mercado tan só 2.000 botellas
Herdaron o coñecemento e a paixón pola viticultura dos seus avós. Tamén o viñedo que traballan no Ibedo, en Leiro, e que seguen a atar con vimbios apostando por unha agricultura respectuosa co entorno.
Aí foi onde xurdiu a idea de facer un viño diferente. O primeiro Ribeiro criado en granito. Querían que a esencia deste chan acompañase a súa creación dende as cepas ata o padal.
Por iso empregaron a pedra que había no terreo para facer a ánfora onde o viño, cento por cento treixadura, repousa durante once meses. Sacaron ao mercado 2.000 botellas hai tan só tres meses e a demanda fixo que quedaran case sen existencias.
Parte da produción exportárona a Norteamérica. Traballan xa en ampliar, ademais de pór en marcha outros proxectos ao redor do viño, pero todo, como di o nome da súa adega, de vagar.