Medio Rural prorroga un mes máis as medidas de prevención sobre a dermatose nodular contaxiosa
A Xunta destaca que, a pesar da evolución favorable da situación en Cataluña, a aparición de novos casos en Francia aconsella manter as medidas cautelares
Ademais, poderase prorrogar de ser necesario en función da evolución epidemiolóxica da doenza
Arquivo (Europa Press/Carlos Castro)
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará este venres unha nova resolución da Consellería do Medio Rural pola que se prorrogan un mes máis as medidas de prevención sobre a enfermidade da dermatose nodular contaxiosa (DNC).
Segundo detallou a Xunta nun comunicado, a resolución terá efectos desde o 2 de febreiro ata o 1 de marzo, ambos os incluídos. Ademais, poderase prorrogar de ser necesario en función da evolución epidemiolóxica da doenza.
A Xunta destaca que, a pesar da evolución favorable da situación epidemiolóxica en Cataluña, a aparición de novos casos de DNC en Francia aconsella manter as medidas cautelares establecidas en Galicia respecto desta enfermidade, tras a análise do risco sanitario existente actualmente e co obxectivo final de seguir salvagardando e protexendo a cabana bovina galega.
Feiras so con animais de explotacións galegas
Desta forma, segue permitida a celebración de feiras, certames, poxas, mercados e concentracións de gando bovino en Galicia con finalidade comercial, aínda que só con asistencia de animais procedentes de explotacións galegas.
A maiores, os vehículos procedentes de fóra da comunidade que acudan a estes eventos deberán acceder ás instalacións baleiros, limpados, desinfectados e desinsectados.
En canto á celebración extraordinaria de concursos, certames, poxas e exhibicións, deberán ter a autorización previa da Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, no seu caso tamén con asistencia só de animais de explotacións galegas.
Vixilancia veterinaria
Neste sentido, segue vixente o período de vixilancia veterinaria oficial de 21 días para todos os bovinos procedentes de explotacións localizadas fóra de Galicia -con destino a vida-, desde a data da súa incorporación á explotación de destino a Galicia.
A totalidade dos animais das granxas que incorporen bovinos procedentes doutras partes do territorio español ou do estranxeiro quedarán inmobilizados de maneira cautelar durante o mesmo período de tempo. Esta inmobilización afectará aos bovinos presentes na explotación na data de entrada dos novos animais.
Tamén sendo obrigatorio desinsectar a todos os bovinos presentes na explotación á que se incorporen estes animais, así como todos os vehículos de transporte de gando que realicen movementos de entrada a Galicia, tanto para vida como para sacrificio, e, neste último caso, manténdose a posibilidade da súa entrada sempre que sexan trasladados directamente a matadoiro.
Pola súa banda, os Servizos Veterinarios Oficiais de Medio Rural realizarán todas as actuacións necesarias de inmobilización das explotacións, vixilancia sanitaria, comprobación da correcta desinsectación, control das condicións de limpeza e desinsectación de vehículos, coa colaboración das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.