Medio Rural ampliará de 21 a 28 días o período de vixilancia de reses de fóra de Galicia
Esta decisión estará en vigor desde o 1 ata o 30 de abril, puidendo ampliarse en función da evolución epidemiolóxica da doenza
A Xunta de Galicia ampliará, a partir do próximo mércores 1 de abril, de 21 a 28 días o período de vixilancia veterinaria das reses procedentes de fóra de Galicia como parte das medidas preventivas postas en marcha contra a dermatose nodular contaxiosa.
Medio Rural publicará este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova resolución que inclúe a prórroga das actuacións postas en marcha ata, polo menos, o día 30 de abril, á espera da evolución epidemiolóxica desta enfermidade.
O Goberno galego xustifica a ampliación das medidas por "a análise do risco sanitario existente" e como medio para protexer a cabana gandeira galega; de modo que terán que pasar catro semanas para incorporar ás explotacións de destino os animais procedentes doutros puntos fóra de Galicia.
Desta forma, coa regulación vixente, seguen permitidas as feiras, certames, poxas e outras actividades co gando bovino con finalidade comercial; aínda que só con presenza de animais procedentes de explotacións galegas e coa obriga de desinfectar os vehículos procedentes doutros lugares.
Ao mesmo tempo, a Xunta insiste en mandar unha "mensaxe de tranquilidade cara ao sector e cara á cidadanía en xeral", xa que, lembra, "non existe constancia de ningún caso desta enfermidade en Galicia e tampouco se transmite ás persoas".
Medio Rural reclama tamén ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación unha "maior implicación" e "unha estratexia clara" para coordinar a todas as comunidades autónomas no "control eficaz" desta enfermidade; xunto co impulso doutras medidas a nivel comunitario.