A Xunta replica á ministra e di que é "falso" que existan 4.400 vivendas turísticas "ilegais" en Galicia
A Xunta replica á ministra e di que é "falso" que existan 4.400 vivendas turísticas "ilegais" en Galicia
Asegura que o problema da vivenda "está vinculado de forma errónea e confusa coa actividade turística"
A Xunta de Galicia respondeu á carta remitida pola ministra de Vivenda, Isabel Rodríguez, ao asegurar que é "falso" que existan 4.400 vivendas de uso turístico "ilegais" na comunidade.
Así o trasladaron de forma conxunta a Consellería de Vivenda e Infraestruturas e Turismo de Galicia despois de que este venres a ministra remitise unha misiva á Xunta na que empraza ao Executivo galego a levar a cabo a "inspección, sanción e clausura" das máis de 4.450 vivendas turísticas que detectou no último ano o rexistro único estatal, que o Tribunal Supremo tombou este mes.
Ao respecto, a Xunta sostivo que en Galicia "non hai 4.400 vivendas de uso turístico ilegais" como, segundo di, "acusa falsamente a ministra". "Trátase simplemente de vivendas que non posuían un número de rexistro que lles impuxo o Goberno de forma ilegal, tal e como acaba de certificar o Tribunal Supremo", apunta.
Dito isto, o Goberno galego sinala que traballa para detectar as "verdadeiras irregularidades" a través da inspección turística e que realiza cada ano 4.000 actuacións, entre elas as que se fan nas vivendas de uso turístico.
A Xunta subliña que Galicia leva preto dunha década regulando as vivendas de uso turístico e criticou que, con todo, "nos oito anos que leva o actual Goberno central, este tivo unha "actuación moi pobre ou directamente inexistente" á hora de atallar o problema da vivenda que, segundo a Xunta, "está vinculado de forma errónea e confusa coa actividade turística".
"O camiño pasa por incrementar a oferta de vivenda e pola colaboración institucional, xusto o contrario da política de confrontación baleira do Gobierno central para intentar desviar a atención das medidas ilegais que lles acaba de tombar o Tribunal Supremo", asegura