O Goberno aproba un novo Plan de Vivenda co obxectivo de ampliar o parque público
O plan ten tres piares: blindar o parque protexido, lograr corresponsabilidade coas comunidades autónomas para triplicar o financiamento e implantar un sistema único de información e xestión de datos
Os pisos que reciban fondos do Estado non van perder nunca o carácter protexido
O Goberno convocará ás comunidades autónomas a unha xuntanza o vindeiro día 28
O Consello de Ministros aprobou este martes o real decreto que regula o novo Plan Estatal de Vivenda 2026-2030 que mobiliza 7.000 millóns de euros, o triplo que o anterior plan, co obxectivo de elevar e protexer para sempre o parque público e protexido a prezos alcanzables.
Segundo indicou a ministra de Vivenda e Axenda Urbana, Isabel Rodríguez, trátase dun paso importante para dar solución ao problema da vivenda de hoxe e para sempre e recalca que "non valen parches", nin hai unha "variña máxica" e que a cidadanía está a demandar un acordo de país ao redor da vivenda.
Ademais, subliñou que é o plan con maior diálogo e colaboración (máis de 28 encontros, 400 achegas do sector recibidas e é a primeira vez que o estuda o Consello de Estado).
Este plan recolle que o 60 % do investimento proceda do Goberno de España e o 40 % o acheguen as autonomías, que verán multiplicados por tres os seus fondos para o desenvolvemento de políticas públicas que garantan a accesibilidade e protección permanente da vivenda.
Tras as reunións da próxima semana, está previsto que durante o segundo semestre do ano comezarán a despregarse os efectos do plan en todas as CCAA.
Novidades que recolle
Entre as novidades atópase a blindaxe da vivenda pública e protexida para que nunca se poida especular con ela; unha cláusula antifraude nas adxudicacións para evitar casos como o ocorrido en Alacante e deberán facerse con criterios obxectivos medibles, transparentes e trazables, aínda que o Ministerio exercerá un dobre control ou datos públicos ao servizo do interese xeral para dar transparencia ao mercado e acabar cos "contos" e os intereses privados.
Ademais créase un grupo de traballo para facer seguimento do plan.
Do total de fondos, un 40 % irán destinados á construción, un 30 % á rehabilitación e outro 30 % ás axudas.
Axudas a mozas e vulnerables
-Axudas a mozas por 300 euros para o pago do alugueiro e axuda para a compra dunha vivenda rural de ata 15.000 euros para mozos de ata 35 anos.
-Axudas a mulleres vítimas de violencia de xénero, cun máximo de 1.000 euros/mes.
-Axuda xeral ao alugueiro por 250 euros para persoas con recursos limitados.
Fincapé na construción
-Axudas á construción de vivenda pública ou en réxime de colaboración público-privada con ata 85.000 euros por vivenda. Terán un prezo máximo de alugueiro de 900 euros/mes e estarán para sempre protexidas. Se están en municipios de menos de 10.000 habitantes poderán destinarse á venda mantendo a protección.
-Axudas para financiar a urbanización de solos en que se teña previsto construír, polo menos, un 40 % de vivenda protexida con ata 8.000 euros por vivenda.
-Axuda adicional de 8.500 euros por vivenda cando se empreguen técnicas de industrialización. Poderá ascender ata 93.500 euros por cada vivenda nova cando se constrúa de forma industrializada.
-Unha axuda adicional de 8.500 euros cando a nova vivenda se constrúa nunha zona de mercado tensionado.
-Axudas ás CC. AA. para que poidan exercer o seu dereito de tenteo e retracto ou para que poidan adquirir vivenda de forma directa a través do financiamento do 70 % do custo da adquisición. Pode ascender ao 85 % se está en zona tensionada e sacarase a un alugueiro máximo de 800 euros/mes.
-Cesión de vivendas a administracións para alugueiro alcanzable. Ofrécese unha axuda de 17.000 euros (25.000 en zona tensionada) a particulares que a cedan á comunidade, que a poñerá a un máximo de 600 euros/mes ata que se acabe o contrato. Destinaranse ata 12.000 euros para financiar reformas a estas vivendas.
Axudas á rehabilitación
Neste capítulo recóllense axudas estruturais de ata 8.000 euros por vivenda; axudas de accesibilidade de ata 13.000 euros; axudas de rehabilitación enerxética de ata 20.500 euros por vivenda ou unha axuda extras de 30.000 cando a vivenda para rehabilitar estea nun casco histórico ou conte con especial protección.
Tamén axudas á rehabilitación de vivendas que leven baleiras máis de 2 anos con ata 30.000 euros se se poñen en alugueiro alcanzable 5 anos (no medio rural será de 35.000 euros).
Xuntanza o 28 de abril
O Ministerio de Vivenda reunirase o 28 de abril coas comunidades autónomas para preparar a Conferencia Sectorial na que tratará de chegar a un acordo de financiamento do Plan Estatal de Vivenda 2026-2030, que se aprobou este martes.
Fontes ministeriais explicaron que Vivenda convocou o 28 de abril ás CCAA para unha comisión multilateral preceptiva á celebración da Conferencia Sectorial, que se prevé que terá lugar tras as eleccións andaluzas do 17 de maio.
No caso de chegar a un acordo nesta Conferencia, o Ministerio de Vivenda terao que levar de novo ao Consello de Ministros.