A partir de novembro pagaremos unha fianza ao mercar botellas, latas ou envases de cartón
Poderemos recuperar os cartos cando devolvamos os recipientes a un punto de retorno
O sistema é unha imposición da UE, que pretende alcanzar unha reciclaxe do 90% en 2029
A partir de novembro, as botellas de auga, os refrescos, os zumes ou as latas de cervexa terán un pequeno custo engadido. Serán ao redor de dez céntimos por envase, que o consumidor poderá recuperar cando o devolva baleiro. É o novo Sistema de Depósito, Devolución e Retorno, que España deberá ter en funcionamento a partir de novembro.
O cambio chega polos baixos niveis de recollida dos envases. España non alcanzou os obxectivos europeos fixados para 2023 e a normativa establece que, se non se cumpren esas metas, debe implantarse un sistema de depósito que garanta unha recollida moito maior.
O funcionamento será sinxelo. Ao mercar a bebida, o cliente pagará o prezo habitual máis o depósito. E cando devolva o envase baleiro, recuperará eses cartos. Non terá que solicitar ningún trámite administrativo nin, en principio, conservar o tícket da compra.
A devolución poderá facerse mediante máquinas específicas ou nos puntos de venda que comercialicen estes produtos. O sistema afectará a botellas de plástico, latas e briks de bebidas de ata tres litros.
O modelo xa funciona noutros países europeos. Alemaña ou os Países Baixos conseguiron taxas de recuperación superiores ao noventa por cento coa devolución dos envases.
O 12 de agosto entra en aplicación o novo regulamento europeo de envases
Antes, o doce de agosto, entra en aplicación o novo regulamento europeo de envases. Unha normativa comunitaria que obriga ás empresas a redeseñar todos os seus produtos para reducir ao mínimo o plástico virxe e garantir unha reciclaxe real. O sector do comercio e a hostalería en Galicia traballa a contrareloxo para adaptarse ás novas esixencias de Bruxelas.