Medio Rural apela ao consumidor ante o acordo do Mercosur: "Na súa man está defender o noso"
María José Gómez confirmou o compromiso do comisario europeo de incrementar a inspección nas fronteiras para controlar os produtos que veñan de fóra
A conselleira pídelle ao Goberno un "anticipo" dos fondos contemplados na nova PAC, e avanza que pediron unha reunión co comisario de Saúde e Benestar Animal para desenvolver unha vacina preventiva contra a dermatose nodular contaxiosa
Alivio na Xunta tras o compromiso do comisario europeo de Agricultura de incrementar as inspeccións nas fronteiras ante a entrada en vigor do acordo do Mercosur. A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, asegurou no Bos días que o comisario "entende e comparte" a preocupación da Xunta ante a entrada de produtos do exterior.
Neste senso, asegurou que a Unión Europea "vai incrementar a inspeción nas fronteiras e instar os gobernos a que aumenten tamén o persoal de insepcción". Con todo, María José Gómez apela tamén á responsabilidade do consumidor. "Na súa man está defender o noso", afirma. Por iso, pídelle que cando vaia ao mercado aposte polo produto de aquí.
Na entrevista, o presidente da Xunta e a conselleira de Medio Rural convidaron o comisario de Agricultura a que veña visitar Galicia, e trasladáronlle a necesidade de non adelgazar os fondos destinados a España na nova PAC.
"Todos os conselleiros estamos de acordo en facer unha fronte común, pero o primeiro é ter fondos suficientes", afirma. Neste senso, reclama que o Goberno pida un anticipo dos 45.000 millóns de euro que a Unión Europea propón destinar a España e que o 10 % dos fondos para Medio Rural veñan "con nomes e apelidos".
Protección ante a dermatose nodular contaxiosa
A conselleira do Medio Rural traslada unha mensaxe de "tranquilidade" a produtores e consumidores ante a dermatose nodular contaxiosa. Lembra que ata a data non se confirmou ningún caso en Galicia, pero insisite na necesidade de desenvolver unha vacina preventiva ante o espallamento da enfermidade.
María José Gómez avanza que solicitaron unha entrevista co comisario europeo de Saúde e Benesar Animal, Olivér Várhelyi, para avaliar o desenvolvemento dunha "vacina avanzada" e sacar a Galicia da categoría A, que obriga a sacrificar os animais de toda a explotación cando aparece un caso.
A conselleira lembrou que deste luns os mozos menores de 40 anos que queira incorporarse a unha explotación ou montar unha propia poden solicitar as axudas habilitadas pola Xunta.