O sector da froita teme que o acordo con Mercosur acabe coa produción nacional
A patronal constata que os consumidores valoran cada vez máis a orixe dos alimentos que compran
Pero un 67 % das empresas cre que a chegada de vexetais máis baratos de América do Sur terá un impacto negativo
Optimismo a curto prazo, preocupación despois. A Asociación de Fabricantes e Distribuidores (AECOC), unha das maiores patronais de España, debulla as perspectivas para o sector agrícola no seu informe sobre froitas e hortalizas. Se ben a maioría das empresas cren que este ano crecerán ou manterán o seu negocio, hai un risco que a maioría sinala no horizonte: o impacto no sector nacional que pode ter o acordo con Mercosur. Se entran vexetais moito máis baratos poden acabar por comer todo o mercado. Iso, din, levaría moitas empresas ao peche.
Porque, precisamente, a patronal detecta que nestes momentos os consumidores están cada vez máis preocupados pola sostibilidade dos produtos, de onde veñen e o seu efecto no medio ambiente, a súa pegada ecolóxica. É un dos factores con máis valor na decisión de compra.
"O que máis nos preguntan é se é de orixe nacional. Iso impórtalles moito. E logo, tamén, se hai algo de oferta", conta Cristina Fernández, responsable da froitería do supermercado Eroski da avenida de Portanet de Vigo.
"Dende logo prefiro que sexa española", confirma unha compradora.
"Que sexa un produto de tempada e de proximidade, tamén", engade outra moza diante da sección de froita.
"Non, o mercado é global e non podo estar vendéndoo de onde vén", apunta pola contra outro cliente.
O 67 % das empresas preguntadas por AECOC cre que o acordo con Mercosur terá un impacto negativo na produción nacional. Hai negocios, pensan, que incluso poderían ter que pechar.
"E máis ao longo, como se vexan como un monopolio, poden incluso xogar cos prezos. É preocupante", comenta o responsable de tendas de Frutas Nieves, Juan Andonegui.
Competencia desleal
Porque, ademais, no caso de España, a exportación é fundamental para o sector da froita e das hortalizas. Un terzo das empresas fundamentan máis da metade do seu negocio no comercio exterior. Por iso, pídenlles ás autoridades da Unión Europea que sexan rigorosas cos controis, para evitar que cheguen vexetais doutros territorios que poidan incorrer en competencia desleal. A curto prazo, tamén teñen outra preocupación: se a guerra en Oriente Medio continúa, os costes de transporte e de produción seguirán subindo e terán que repercutilos no produto final.