Os gandeiros decidiron por “unanimidade” manter a tractorada en Ourense ata que accedan a ter unha reunión con algún cargo do Ministerio de Agricultura.
Aínda que recibiron “positivamente” a decisión do Parlamento Europeo de denunciar o acordo UE-Mercosur ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) polas dúbidas da súa compatibilidade co dereito comunitario, os gandeiros de Ourense sosteñen que o subdelegado do Goberno en Ourense se comprometeu a facilitarlles unha videoconferencia con algún cargo do Ministerio de Luis Planas para trasladarlle a súa problemática.
A diferenza doutras protestas, como a dos gandeiros de Lugo que abandonaron a súa tractorada da rolda da muralla, Miguel Gómez, gandeiro de Maceda portavoz das protestas en Ourense, explica que seguen adiante porque o subdelegado do Goberno “non cumpriu” co compromiso dese encontro telemático.
Os tractores continúan cortando a estrada N-120, unha das principais vías de acceso a Ourense, na contorna do centro comercial da Ponte Vella.
Ademais, non descartan levar a cabo outras protestas.
Os gandeiros ourensáns tamén piden á Xunta que “aclare” a situación respecto á dermatose nodular contaxiosa, ademais de requiriren ao Goberno galego que traballe para evitar os recortes da futura Política Agraria Común (PAC).
Así mesmo, os manifestantes volveron prender fogueiras este xoves e queimaron palés de madeira na zona onde están acampados cos tractores.