Publicador de contidos

Publicador de contidos

Dous meses de obras para reparar o afundimento da rúa Pena Trevinca de Ourense

Dous meses de obras para reparar o afundimento da rúa Pena Trevinca de Ourense

Os veciños afectados xa levaban semanas advertindo do risco, tras a aparición dunha gran fenda circular no medio da rúa

G24.gal 29/01/2026 14:13

Desde un terceiro piso, Luísa observa a evolución das obras na rúa Pena Trevinca. O primeiro día, di, tremeu o edificio enteiro. Lamenta a falta de información aos veciños por parte do Concello.

"O martes pola mañá foi cando empezaron a tradear e apareceu un oco descomunal, no meu caso en fronte do salón. A nosa prioridade é a seguridade do edificio. Que nos confirmen que non vai haber risco", explica Luísa Pereira, veciña de Pena Trevinca.

Os veciños da zona levaban desde novembro advertindo do perigo que representaba para o tráfico o estado da calzada que documentaron con fotos.

"Na foto vese o corte do asfalto, un corte circular que non se corresponde cunha fochanca calquera ou un defecto da plataforma, que ía caer en calquera momento". "Xa levaba tempo cun buraco que os coches saltaban ao pasar". "É un problema que se vía vir. Non só aquí, toda a rúa ten fochancas. Era algo previsible", confirman varios veciños da zona.

Arredor de tres meses asegura o concelleiro de Urbanismo que levan facendo seguimento da situación, agravada polos últimos temporais. Atribúeno a filtracións na rede de saneamento e prevén uns 60 días de obras, co tráfico cortado neste treito e desviado por outras rúas da contorna. A situación afecta sobre todo aos negocios da zona.

"A min prexudícame, porque estou esperando o repartimento de tenreira, non pode entrar o camión, os clientes non poden aparcar...", lamenta un carniceiro con negocio no treito afectado.

A reordenación do tráfico por mor das obras afecta tamén ao autobús urbano. Hai tres liñas que modificaron o percorrido.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade