A rotura dunha tubaxe forma unha gran fochanca no centro de Vilagarcía
As obras de reparación obrigan a cortar o tráfico na avenida da Mariña
A avaría detectouse o venres pasado, cando unha máquina de limpeza do Concello quedou atrapada despois de que o asfalto cedera polo peso, formando unha gran fochanca.
"Vaia burato, menos mal que non pasou ningunha desgraza".
"É normal que pase isto nesta zona, neste terreo antes chegaba o mar".
"É moi grande o burato, colle tamén o baixo da beirarrúa".
O colapso do asfalto e de parte da beirarrúa produciuse pola rotura dunha tubaxe de saneamento, que está a ser reparada de urxencia. A intervención é complexa, xa que hai que secar a zona de traballo e extremar a precaución para que non se produzan cortes en ningún dos servizos que circulan polo subsolo.
"Claro, polo subterráneo vai a luz, o gas, o teléfono...".
"Eu creo que Vilagarcía polo subterráneo está bastante mal".
"O terreo é areoso e faino máis difícil todo, pero esa avaría haina que arranxar".
Mentres non rematen as obras, o tráfico permanecerá pechado neste treito da avenida da Mariña. O corte tamén afecta ao aparcamento na zona, para desgusto dos negocios do lugar.
"Aféctanos moito, non entendo o motivo de cortar toda a rúa".
"Se a xente non aparca pola zona, xa non entra na nosa tenda".
"Xusto coincide nestas datas de Nadal, cando a xente vén de compras e recados e non hai onde estacionar".
"As cousas pasan cando pasan, o importante é que o arranxen e que boten os días que faga falta".
Malia que non hai data fixa para a fin das obras, aquí agardan que a fochanca desapareza ao longo desta semana e que a normalidade regrese á rúa para as festas do Nadal.