Publicador de contidos

Publicador de contidos

Comeza o tempo propio da sobremesa galega por excelencia, a filloa

Comeza o tempo propio da sobremesa galega por excelencia, a filloa

Ovos e fariña, con leite e sal, son os ingredientes dunha das receitas dos freixós, aos que se poden engadir azucre ou tona de limón relada

O xerente dunha pastelería do barrio lucense de Montirón reenche unha filloa con nata
Félix Aragunde 30/01/2026 19:43

Os ingredientes principais das filloas ou freixós son os ovos e mais a fariña, aos que se poden engadir auga, caldo ou mesmo sangue, pero nesta receita leva leite e unha chisca de sal. Así é como se elabora o amoado en moitas das confeiterías de todo o país, como é o caso desta pastelería de Lugo, pero tamén se lle pode botar reladura de limón ou anís, ademais de azucre.

"Unha vez mesturado todo, pasámolo por un coador. E cando teña o espesor adecuado, poñemos unha tixola ao lume e untámola, algpo que nós facemos con aceite de oliva. Procuramos que o amoado corra ben pola superficie para que a filloa saia fina dabondo", explica Honorio Gómez, xerente da confeitería Yomar. 

Unha vez feitas, as filloas poden consumirse directamente ou acompañadas de moitos recheos. Os principais nos obradoiros das confeiterías son a nata e a crema pasteleira. 

"Despois facemos unha crema de chocolate, podemos facer un doce de leite con crema de queixo mascarpone e tamén algo que chama moito estes últimos anos, que é a crema de pìstacho", sinala Honorio Gómez. 

Tocante aos prezos, cada unidade vale arredor dun euro con 60 céntimos, mentres que as filloas recheas poden adquirirse ata por tres euros e medio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade