O cocido: a comida desa época que é todo un reflexo da nosa cultura e da nosa historia
“É dos produtos que tiñan nas casas: criaban o seu porquiño, tiñan a tenreira, as patacas e as verduras que colleitaban, os grelos… É parte da nosa cultura, non queda outra.”
Cando o frío empeza a apertar nas rúas e as leiras e prados se conxelan ...é tempo de cocido. Un prato que fala do que somos… e que en Lalín e no resto de Galicia se converte nun auténtico símbolo.
Diego López, cociñeiro no restaurante La Molinera de Lalín, repasa os ingredientes do cocido.
Explica que “hai unha ampla selección de carnes de porco, salgadas e afumadas, como espiñazos, pandetas, lacóns, rabos, uñas e linguas. Tamén hai galiña e tenreira. En Lalín é típico empregar dous tipos de chourizo: de carne e de cebola, e non pode faltar a verdura, como a nabiza que aquí usamos”.
Sete potas fervendo e restaurantes con lista de espera na capital do Deza. O cocido tamén fala do territorio e da cultura popular que o rodea.
Xosé Luis, do restaurante Cabanas, explica o que representa o cocido: “É dos produtos que tiñan nas casas: criaban o seu porquiño, tiñan a tenreira, as patacas e as verduras que colleitaban, os grelos… É parte da nosa cultura, non queda outra.”
Hoxe, o cocido segue a ser tamén un acto social, un momento para compartir arredor da mesa.
Diego, sinala que “cada vez faise menos nas casas, principalmente porque dá moito traballo. É un prato laborioso, non hai tantas potas e tampouco a figura de quen o saiba preparar.”
Unha elaboración longa, que require paciencia e experiencia.
Loli Lamas, do restaurante O Mesón de Crecente, comenta a dificultade de preparar un bo cocido: “Un bo cocido require tempo. Hai que poñelo na cociña de leña ás nove da mañá e deixalo cocer polo menos catro horas.”
Un prato que destaca pola variedade e pola abundancia.
Diego López explica que o cocido é un prato que leva moitos cortes e que resulta case imposible comelo todo: “É practicamente imposible reducirlo, porque ao final a cada quen gústalle un anaco. É un prato tradicional e perfecto para celebrar unha festa.”
A amplitude do cocido redúcelle o espazo ás mesas e multiplica as formas de servilo, xa que hai quen prefire non ver a cachucha enteira diante do prato.
Fóra, o frío non amaina e o cocido, se por ben é, cumplirá coa súa función de quentar.